Vendaval, a II Mostra de Cinema Portugués da Ribeira Sacra, comeza o seu Pase de Primavera cunha ampla programación

A cita desenvolverase do 23 ao 31 de maio en distintos espazos de Sober, Bóveda, Sarria, Chantada, Monforte de Lemos e O Incio
Vendaval. Foto de Dario Eyre
Vendaval. Foto de Dario Eyre
20 May 2026

Esta semana dá comezo o Pase de Primavera de Vendaval, que pecha a segunda edición da Mostra de Cinema Portugués da Ribeira Sacra, unha iniciativa que ao longo do ano se desenvolveu en distintos pases estacionais. O programa celebrarase entre o 23 e o 31 de maio en espazos dos concellos de Sober, Bóveda, Sarria, Chantada, Monforte de Lemos e O Incio.

A Mostra ten como eixo central o cinema portugués, aínda que amplía a súa proposta cunha programación paralela que inclúe concertos, encontros con cineastas, catas, obradoiros e actividades de divulgación.

A inauguración terá lugar o sábado 23 en A Palleira, en Manán (Sarria), cunha clase maxistral do cineasta ourensán Iván Castiñeiras, previa á proxección da película Deuses de Pedra. Esta actividade require reserva previa.

Ao día seguinte, o domingo 24, celebrarase un concerto de Joel Fontán na Aldaba de Rosende (Sober), mentres que o domingo 31 o músico Davide Salvado pechará a programación musical cunha actuación en formato dúo na Casa da Memoria de Bóveda, onde presentará o seu novo traballo Permita Deus.

Durante a semana desenvolveranse tamén actividades dirixidas ao ámbito educativo, con visitas culturais, proxeccións mediadas e obradoiros en distintos puntos da comarca. Entre elas inclúense propostas no Centro Cultural Lois Pereiro de Monforte, no Centro Sociocultural de Bóveda e no Museo Eulogio, no Incio, ademais de actividades de observación astronómica e visitas guiadas.

O sábado 30, o Auditorio de Chantada acollerá unha charla sobre a coprodución audiovisual entre Galicia e Portugal, impartida por Beli Martínez, produtora e especialista neste ámbito.

O peche da Mostra terá lugar o domingo 31 en Bóveda, cunha cata comparativa de viños da Ribeira Sacra e Portugal, seguida da proxección da curtametraxe Noite sem distância, de Lois Patiño, e un coloquio sobre o contrabando na Raia con expertos no tema.

Vendaval consolídase como un espazo de encontro arredor do cinema portugués na Ribeira Sacra, combinando proxeccións con actividades culturais, gastronómicas e educativas, e poñendo o foco nos vínculos artísticos entre Galicia e Portugal.

0.34239101409912