Vendaval celebra a súa terceira edición con seis películas portuguesas e galegas na Ribeira Sacra

A Ribeira Sacra recibirá do 25 ao 30 de agosto a terceira edición de Vendaval, Mostra de Cinema Portugués, un festival que reunirá seis longametraxes de Portugal e Galicia xunto a encontros cos seus equipos artísticos e unha ampla programación paralela repartida por diferentes espazos da comarca lucense. Coa excepción dun curso monográfico, todas as proxeccións e actividades serán de balde.
O festival, con sede principal en A Casa da Memoria (Bóveda), concentrará o groso da súa programación entre o 26 e o 30 de agosto, aínda que contará cun preámbulo o 14 de agosto: ese día, a Praza do Cantón de Chantada acollerá unha proxección especial de Decorado, do galego Alberto Vázquez, gañadora do Goya a Mellor Película de Animación, dentro do ciclo municipal Cine no Cantón.
O cartel desta terceira edición combina cinema portugués e galego recente coa presenza dos seus responsables. Un dos grandes pratos fortes será Banzo, da directora Margarida Cardoso, que se proxectará o sábado 29 de agosto ás 22.30 horas coa asistencia da propia realizadora. A película, ambientada en 1907 nunha illa tropical africana, narra a historia dun médico enviado a tratar un grupo de persoas escravizadas afectadas polo banzo, unha profunda melancolía que pode conducir á morte, e chega avalada polos dez Premios Sophia —os principais galardóns do cinema portugués, equivalentes aos Goya españois— que conquistou en maio, entre eles os de Mellor Película, Mellor Realización e Mellor Guión Orixinal.
Xunto a Cardoso, o festival contará coas visitas de Ana Vilaça, actriz de Entroncamento (Pedro Cabeleira), que se proxectará en Sober; Teresa Castro, que presentará 'Onte á noite conquistei Tebas' (Gabriel Azorín) xunto a unha conversa sobre a súa banda sonora; e Melánia Freire, responsable de dirección artística e vestiario de 'As Estações' (Maureen Fazendeiro). O sábado 29 tamén se proxectará 'O Riso e a Faca', de Pedro Pinho, coa presenza do seu actor protagonista, Sérgio Coragem, mentres que a clausura, o día 30, corresponderá a San Simón, de Miguel Ángel Delgado, coa asistencia do director.
Como novidade desta edición, Margarida Cardoso impartirá os días 29 e 30 de agosto en A Casa da Memoria o curso 'Filmar Depois do Império', unha actividade inédita en Galicia —e a única de pago do festival— que reflexionará sobre como o cinema portugués abordou a herdanza colonial e a memoria das guerras en África, a partir de películas como Natal 71 e a propia Banzo.
Vendaval é un espazo de divulgación do cinema portugués na Ribeira Sacra que pretende ser un punto de encontro entre o cinema e a realidade dos dous lados da fronteira. Cun programa que destaca as coproducións luso-galegas e os vínculos artísticos e culturais entre ambos os territorios, é tamén unha aposta polo cinema de autor no rural.
A través dun programa estruturado en varios pases ao longo do ano —outono, primavera e verán—, o festival pretende chegar a un público diverso, involucrando profesionais do audiovisual, das artes e do coñecemento, centros educativos e tecido asociativo. Xunto ás proxeccións, Vendaval articula concertos, conversas, obradoiros e actividades gastronómicas e de contacto coa natureza, programadas en colaboración con outros espazos da contorna.
O evento ten o patrocinio da área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.