Verónica Barbero perfílase como a próxima ministra de Traballo nun novo Goberno progresista

A Fronte Ampla celebrou onte a tarde en Vigo o seu mitin central de campaña, nun acto marcado pola defensa dos dereitos laborais e o feminismo. No encontro participaron Verónica Barbero, Paulo Carlos López, Gloria Alonso, Luis Baena, Fiona Brennan e Andreu Romaní.
Durante a súa intervención, Paulo Carlos López puxo en valor a xestión do Goberno de Sumar e lembrou que a Fronte Ampla representa a forza política de Yolanda Díaz, impulsora das medidas aprobadas este mesmo día no Consello de Ministros para ampliar a 20 semanas os permisos de maternidade e paternidade —34 nas familias monomarentais— e estender ata os 10 días os permisos por falecemento dun familiar.
«Queremos continuar co legado de Yolanda Díaz e hoxe, en Vigo, quero pedirvos o voto para a Fronte Ampla porque queremos un Goberno progresista no que Verónica Barbero sexa a vindeira ministra de Traballo do Goberno de España», proclamou López. O dirixente destacou a traxectoria e a solvencia de Barbero como a persoa idónea para recoller esa testemuña. «Polos ERTE, pola reforma laboral, por ser a mellor inspectora de traballo e pola súa forza», reivindicou.
Pola súa banda, Gloria Alonso centrou a súa intervención na necesidade de que os intereses de Galicia e da provincia teñan un peso determinante na política estatal, fronte á marxinación á que, segundo sinalou, foi sometido historicamente o territorio. «Galicia non pode seguir sendo unha terra á que se lle pide paciencia mentres se toman decisións lonxe de aquí», advertiu.
Alonso reafirmou o compromiso da candidatura coa defensa directa das maiorías sociais e asegurou que a súa presenza no Congreso busca dar voz á clase traballadora. «Non vimos ao Congreso para ser unha voz máis. Vimos para que se escoite a voz da xente traballadora», afirmou. Nesa liña, reclamou unha representación vinculada ao territorio: «Galicia merece decidir. Pontevedra merece ser escoitada e a clase traballadora merece unha representación que non esqueza de onde vén nin a quen representa».
Verónica Barbero centrou o seu discurso na defensa da igualdade, especialmente nas vésperas do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A candidata dirixiuse ás mulleres de todo o país, especialmente ás que xa confiaran no proxecto en 2023, así como ao conxunto da clase traballadora, para animalas a participar nas eleccións.
Barbero advertiu de que os dereitos das mulleres non poden converterse en «moeda de cambio» nos pactos entre o Partido Popular e a extrema dereita. Neste sentido, lembrou o negacionismo da violencia machista de Vox e o compromiso anunciado por Alberto Núñez Feijóo de suprimir o Ministerio de Igualdade.
«Hai que votar á Fronte Ampla para deter os negacionistas da violencia machista. Feijóo e Abascal non van gobernar España porque imos estar aquí, na Fronte Ampla, para detelos e seguir conquistando a política da vida», concluíu Barbero.