Verónica Barbero reivindica desde Vigo a "política da vida" fronte ás propostas da dereita sobre igualdade

A deputada participou nun reparto informativo no Mercado do Calvario, onde destacou as medidas impulsadas por Sumar para ampliar os permisos de coidados e por falecemento. Fronte Ampla celebrará esta tarde, ás 19.00 horas, o seu acto central de campaña no Tinglado do Porto de Vigo.
A deputada Verónica Barbero participou esta mañá nun acto de reparto informativo no Mercado do Calvario, en Vigo, no que reivindicou a acción política de Sumar no Goberno e contrapuxo as súas propostas ás políticas que atribúe á dereita en materia de igualdade e dereitos sociais.
Barbero destacou dúas medidas que, segundo explicou, chegarán este martes ao Consello de Ministros: a ampliación dos permisos de coidados ata as 20 semanas, que serán de 34 semanas no caso das familias monomarentais, e a extensión dos permisos por falecemento, que pasarán de dous a dez días para facilitar o acompañamento dos familiares nos momentos difíciles.
«Esta é a nosa forma de entender a política: a política da vida. As persoas non deixan de ser persoas para converterse en simples máquinas de producir», afirmou a deputada, que presentou estas iniciativas como unha mostra dos distintos modelos sociais en disputa.
A véspera do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, Barbero advertiu tamén do que considera un retroceso en igualdade asociado ao proxecto político de Vox e á posición do Partido Popular. Neste sentido, referiuse ao anuncio de Alberto Núñez Feijóo sobre a súa intención de suprimir o Ministerio de Igualdade.
«Sabemos que as mulleres somos a súa moeda de cambio», asegurou. A deputada engadiu que, ao seu xuízo, a cidadanía volverá frear nas urnas as propostas da dereita: «Vaille pasar o mesmo que en 2023, vai ter que facer anicos con eses papeis. Feijóo e Abascal non van gobernar España porque imos estar aquí, na Fronte Ampla, para detelos».
Para conseguir ese obxectivo, Barbero chamou ás mulleres e ao conxunto da clase traballadora a apoiar a candidatura da Fronte Ampla, apelando especialmente a quen xa confiou no proxecto nas eleccións de 2023. A formación presenta a súa candidatura como unha garantía para frear o negacionismo e avanzar nos dereitos laborais e sociais.
A deputada aproveitou tamén para convidar a veciñanza de Vigo e da súa comarca ao acto central de campaña da Fronte Ampla, que terá lugar esta mesma tarde, ás 19.00 horas, no Tinglado do Porto de Vigo.