Vertixe Sonora volve ás Contemporáneas co concerto ‘Sementeira’

A Vertixe Sonora volve ao ciclo Contemporáneas este martes, 13 de xaneiro ás 20.30 horas, co concerto Sementeira, que terá lugar na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. A cita inaugura a axenda musical de 2026 cunha proposta de escoita contemporánea de carácter ritual e sensorial.
O concerto preséntase no marco do programa impulsado por Compostela Cultura e serve como antesala da xira internacional que o ensemble galego realizará a vindeira semana nas cidades estadounidenses de Austin (Texas) e Phoenix (Arizona), consolidando a súa proxección exterior como referente da creación musical actual.
Sementeira propón unha experiencia sonora que parte de xestos primarios e cotiáns —deixar caer grans, botar area ou salpicar na auga— para activar unha memoria táctil e auditiva vencellada á infancia, ao paso do tempo e á relación coa materia. A música constrúese a partir de puntos e fileiras sonoras, coma pingas ou regatos, evocando un tempo antigo e ritual no que conviven o familiar e o misterioso.
A proposta afonda na tensión entre fraxilidade e resiliencia, evocando unha idea de continuidade que nos precede e que permanece máis alá da nosa presenza. Un discurso musical que enraíza na terra e subliña a humildade coa que cada elemento mínimo forma parte dun todo maior.
O programa inclúe estreas mundiais de Siembra (2026), da compositora Violeta Cruz; Abschattung for Sextett, de Po Chien Liu; e dúas obras de Tianyu Zou, Étude SORA (2024) e Étude (2025). As pezas exploran novas relacións entre instrumentos acústicos e medios electrónicos, ampliando as posibilidades expresivas da música contemporánea.
Sobre o escenario estarán Jacobo Hernández (violín), Pablo Coello (saxofón), Nuno Pinto (guitarra eléctrica), María Mogas (acordeón), David Durán (piano), Diego Ventoso (percusión) e Iván Ferrer-Orozco (medios electrónicos).
O concerto terá unha duración aproximada dunha hora e o acceso é gratuíto, con retirada previa de localidades a través de compostelacultura.gal, no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural e no propio Auditorio de Galicia o día do concerto.
O ciclo Contemporáneas, desenvolvido polo Concello de Santiago coa colaboración da Deputación da Coruña, continuará ata maio con novas propostas que exploran a música de vangarda dos séculos XX e XXI a través do fío poético da auga como símbolo de transformación, memoria e cambio.