Vigo acollerá a Festa Correlingua 2026 coa participación de máis de vinte centros educativos

A cidade de Vigo celebrará este venres a Festa Correlingua 2026, unha das citas destacadas da 26ª edición do Correlingua 2026, iniciativa que percorre durante este mes diferentes localidades galegas para reivindicar o uso e a defensa da lingua galega entre a mocidade.
O evento desenvolverase no auditorio ao aire libre do Parque de Castrelos e reunirá alumnado de 26 centros educativos de Vigo, Gondomar, Ponteareas e Salvaterra de Miño.
A programación combinará música, animación e actividades de sensibilización arredor da lingua galega. O acto estará conducido polo artista Fran Rei e contará coas actuacións dos grupos Música Miúda e Zeltia Irevire.
Ademais, a lectura do Manifesto Correlingua contará coa participación da ONCE, nunha acción incluída dentro da campaña de sensibilización impulsada polo club braille da entidade. O ex xogador do RC Celta de Vigo Sergio Álvarez participará tamén no acto cunha intervención prevista durante a xornada.
A festa comezará ás 10.30 horas coa presentación a cargo de Fran Rei e incluirá diferentes actuacións musicais e actividades ata o mediodía.
Entre os centros participantes figuran colexios e institutos de distintos puntos da área metropolitana viguesa, entre eles o IES Alexandre Bóveda, o IES do Castro, o IES Castelao, o CEIP Balaídos ou o CEIP Ría de Vigo, ademais do IES Terra de Turonio de Gondomar, o IES do Barral de Ponteareas e o IES Salvaterra de Miño.
O Correlingua está organizado por CIG-Ensino coa colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística e da Asociación Socio Pedagóxica Galega. A iniciativa conta ademais co apoio do Concello de Vigo, da Deputación de Pontevedra, da ONCE e da empresa Eroski.