Vigo acollerá a III Edición dos Premios Excelencia Farmacéutica

O Pazo dos Escudos de Vigo vestiráse de gala o vindeiro 29 de novembro para celebrar a III Edición dos Premios Excelencia Farmacéutica, un evento que recoñecerá a dedicación e o compromiso dos profesionais que traballan cada día pola saúde das persoas.
Organizados por Acmfarma, estes galardóns consolidáronse como un referente a nivel estatal, co obxectivo de poñer en valor o papel da farmacia como espazo de saúde, proximidade e confianza. A gala contará coa presenza de destacadas figuras do sector, así como de referentes da divulgación e do ámbito académico.
O CEO de Acmfarma, Juan Carlos Ogando, subliña que con esta nova edición “queremos render homenaxe a quen fai da farmacia un lugar de servizo esencial e humano para a cidadanía”.
Esta terceira edición conta con sete categorías:
- Premio á Innovación Farmacéutica
- Premio ao Mellor Farmacéutico Comunicador
- Premio Xove Promesa
- Premio Técnico Destacado en Farmacia
- Premio Farmacia Galega Destacada
- Premio Farmacia Destacada
- Premio á Excelencia Farmacéutica
O xurado, presidido por Fran Diéguez, estará composto por profesionais de referencia como Virtu Roig, Teté Cachafeiro, Tamar Troncoso e Montse Iracheta, que valorarán as candidaturas desde a innovación e a comunicación ata a excelencia global en farmacia.
A gala estará amadrinada, por terceiro ano consecutivo, por Gema Herrerías, referente en dermofarmacia e divulgación sanitaria. O acto será presentado por Yolanda Galiana, farmacéutica especializada en saúde feminina, e Alfredo Corell, inmunólogo e recoñecido divulgador científico.