Vigo celebra o Entroido con pasacalles, comparsas e a orquestra París de Noia

O Concello de Vigo presentou este luns a programación municipal do Entroido 2026, que se celebrará entre o venres 13 e o mércores 18 de febreiro con pasacalles, desfiles de comparsas, concertos infantís e de adultos, obradoiros e concursos de disfraces.
O alcalde, Abel Caballero, definiu a proposta como “un Entroido magnífico” e asegurou que o goberno local “vai a por todas” cun programa pensado para encher a cidade de animación e participación veciñal durante seis días consecutivos.
A celebración arrincará o venres 13 coa animación de rúa a cargo da Charanga Imperiais e do grupo de batucada Bate no Cobre. Ese mesmo día, ás 18:30 horas, terá lugar o desfile de cabezudos e personaxes polas rúas Príncipe, Porta do Sol e Policarpo Sanz, culminando coa entronización do Meco ás 20:30 horas en Porta do Sol e co concerto da orquestra París de Noia.
O sábado 14 estará marcado polo desfile concurso de comparsas, que sairá ás 18:00 horas desde a rotonda de Isaac Peral e percorrerá García Barbón, Policarpo Sanz e Colón. O prazo de inscrición para participar permanece aberto ata o 6 de febreiro, e o Concello repartirá 18.500 euros en premios, cun primeiro premio dotado con 3.000 euros.
A programación continuará o domingo 15 con animación de rúa durante toda a xornada, un concerto infantil de Uxía Lambona e a banda molona ás 17:30 horas en Porta do Sol, chocolatada popular e o concerto de Crónicas Pop ás 20:00 horas.
O luns 16 haberá obradoiros infantís en Porta do Sol entre as 17:00 e as 20:00 horas, animación musical polas rúas do centro e o concerto das Pamisukis ás 18:00 horas, previsto no Auditorio Municipal en caso de choiva.
O martes 17 celebrarase o concurso de disfraces en Porta do Sol, con categorías infantil e adulta, ademais da saída de Os Merdeiros e dos cabezudos. A xornada rematará cun espectáculo de lume a cargo de A saco circo e coa tradicional queima do Meco.
Finalmente, o mércores 18 pechará o Entroido coas exequias funerarias do Meco, o desfile da comitiva fúnebre, a actuación da Banda de gaitas da ETRAD e do grupo Lenha Verde de Matamá, e a lectura da acta do xurado do concurso de comparsas ás 19:30 horas.