Vigo consolídase como plató audiovisual con 42 rodaxes no que vai de 2025

O alcalde Abel Caballero visitou o set da serie “Ágata e Lola”, produción de Atresmedia que grava en Vigo durante cinco ou seis meses
Rodajes Vigo
3 Dec 2025

Vigo continúa a consolidarse como un dos principais escenarios audiovisuais de Galicia. Así o destacou este martes o alcalde, Abel Caballero, durante a súa visita ao set de rodaxe da serie “Ágata e Lola”, unha nova produción do grupo Atresmedia de temática policíaca que se está gravando na cidade.

O rexedor sinalou que Vigo “segue sendo un marabilloso plató de rodaxe” e avanzou que o equipo da serie permanecerá traballando na cidade “durante cinco ou seis meses máis”. Caballero subliñou o impacto económico e laboral deste tipo de producións, lembrando que a maior parte do persoal técnico implicado “é da cidade”.

Segundo os datos municipais, Vigo acolleu 42 rodaxes no que vai de 2025, acumulando 320 días de traballo audiovisual. Entre elas figuran unha longametraxe, catro series de televisión, sete programas televisivos, sete documentais, dúas curtametraxes, dous videoclips e seis anuncios publicitarios.

“Vigo avanza en tódalas direccións”, afirmou Caballero, destacando o valor engadido que supón para a cidade converterse nun espazo habitual para a creación audiovisual, tanto por visibilidade como por xeración de emprego.

⚙ Configurar cookies
0.34438800811768