Vigo contará cun protocolo de actuación ante choivas intensas e risco de inundacións

O operativo establece dúas fases en función dos avisos meteorolóxicos, con medidas de prevención, vixilancia, cortes de tráfico e información á cidadanía
ruas-cidade-de-vigo
25 Nov 2026

O Concello de Vigo aprobou unha instrución que establece un protocolo permanente de actuación ante episodios de choiva intensa, risco de inundacións e outros fenómenos meteorolóxicos adversos. O operativo permitirá anticipar as medidas de prevención e seguridade ante os avisos emitidos pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) ou MeteoGalicia, tanto en situacións de prealerta como de alerta por risco hidrolóxico.

O protocolo contempla dúas fases de actuación en función da intensidade dos avisos meteorolóxicos. A primeira, de prevención e preparación, activarase ante avisos amarelos e inclúe a consulta das previsións de preamar, o seguimento da evolución das precipitacións hora a hora e a preparación da sinalización necesaria para realizar posibles cortes de tráfico nas zonas de maior risco.

A segunda fase, de despregamento e intervención, activarase ante avisos laranxas ou vermellos e contempla o establecemento de patrullas fixas nos puntos máis sensibles, a execución dos cortes e desvíos de circulación previstos, a comunicación dos avisos á cidadanía e aos servizos de transporte público, así como o peche da senda fluvial para garantir a seguridade das persoas.

O operativo municipal identifica tres puntos que requiren unha vixilancia específica durante os episodios de precipitacións intensas: Beade, Cabral e a rúa Naia, á altura do número 47.

O Concello prestará tamén especial atención á conca do río Lagares, que recibe as achegas de auga procedentes de Cabral e dos ríos Eifonso e Barxa. En situacións de choivas intensas, este caudal conflúe no Lagares, que discorre cara á zona de Balaídos. A coincidencia de precipitacións abundantes coa preamar pode dificultar a evacuación da auga nas zonas máis chairas, provocando un efecto de retención que favorece os desbordamentos na contorna de Balaídos, a avenida de Citroën e Muíños.

Por este motivo, o protocolo establece unha previsión específica de cortes de tráfico nos puntos nos que habitualmente se producen incidencias por desbordamentos do Lagares. Entre eles figuran os cruzamentos da avenida de Castrelos con Arquitecto Palacios e con Portanet, así como a intersección da rúa Portanet con Val Miñor. O dispositivo contempla igualmente actuacións na rotonda elevada da avenida de Citroën, nos accesos ás instalacións de Stellantis e da Zona Franca, así como na zona do Caramuxo.

0.65135502815247