Vigo investirá 1,4 millóns na renovación dos vestiarios do campo da Bouza

O Concello de Vigo aprobará este venres o proxecto de renovación dos vestiarios e instalacións do campo de fútbol da Bouza, situado en Coia, cun investimento de 1.446.764 euros e un prazo de execución estimado de cinco meses.
A actuación contempla a demolición total das construcións actuais, incluíndo vestiarios, locais anexos, cantina e pista de petanca. Ademais, levaranse a cabo traballos de escavación para a nova cimentación, o desprazamento das pistas de petanca cara o sur e a instalación de novas redes de abastecemento, saneamento, electricidade, iluminación e telecomunicacións.
O proxecto inclúe tamén a colocación de edificacións modulares e a conexión das instalacións coas redes exteriores, co obxectivo de modernizar completamente este equipamento deportivo.
O alcalde, Abel Caballero, lembrou que esta actuación forma parte dun plan máis amplo de mellora das infraestruturas deportivas da cidade. Neste sentido, destacou que a finais de marzo xa se aprobou a renovación do campo do Carballal por máis de 1,2 millóns de euros, e que progresivamente se intervirá noutros campos como Monte da Mina, San Andrés de Comesaña, A Guía, As Relfas, Candeán, Meixueiro e Santa Mariña.
“En suma, unha renovación total dos vestiarios de todos os campos de fútbol de Vigo”, subliñou.
Ademais, o Goberno municipal tamén dará luz verde a unha subvención de 140.000 euros para o Torneo Internacional de Fútbol Base MS2 Cup 2026, un evento impulsado polo ex-xogador do Celta e do Real Madrid Michel Salgado.
O torneo contará coa participación de delegacións de máis de 22 países de Europa, Oriente Medio e Australia, incluíndo clubs de alto nivel, algúns deles campións de competicións europeas como a Champions League. En edicións anteriores, o evento reuniu a máis de 4.500 persoas entre xogadores e equipos técnicos.