Vigo prepara un Entroido “magnífico” con seis días de celebración

A cidade de Vigo prepárase para vivir un Entroido “magnífico” con seis días de celebración, desde este venres 13 de febreiro coa entronización do Meco na Porta do Sol ata o mércores 18.
O alcalde, Abel Caballero, presentou a programación acompañado por representantes da Federación de Peñas El Olivo, da Agrupación de Centros Culturais de Vigo e pola concelleira de Festas, Patricia Rodríguez.
Debido á previsión de choiva e vento, o Concello cancelou a animación de rúa prevista para este venres e aprazou a actuación da Orquestra París de Noia ao venres 20 de febreiro ás 21:00 horas na Porta do Sol. En principio, manterase a entronización do Meco ás 20:00 horas.
Desfile e concertos
O sábado 14 de febreiro celebrarase o gran desfile do Entroido, con 23 comparsas da cidade e da comarca. O percorrido partirá da rotonda de Isaac Peral, continuará por García Barbón e Colón e rematará na Alameda. O Concello repartirá 18.500 euros en premios.
O domingo 15 haberá animación musical en Príncipe e Porta do Sol, concerto infantil de Uxía Lambona e a banda molona, chocolatada popular e actuación de Crónicas Pop. Se chove, as actividades trasladaranse á lonxa do Concello e ao Auditorio Municipal da Praza do Rei.
O luns 16 desenvolveranse talleres infantís, animación con charangas e o concerto das Pamisukis. O martes terá lugar o concurso de disfraces, a saída dos merdeiros e cabezudos, un espectáculo de lume a cargo de A saco circo e a tradicional queima do Meco.
O mércores 18 celebraranse as exequias funerarias do Meco, seguidas do desfile da comitiva fúnebre e da lectura da acta do xurado do concurso de comparsas.
Reforzo do transporte
O Concello habilitará un servizo nocturno especial de transporte urbano os días 13, 14 e 16 de febreiro, coas liñas N1, C1 e N4 operativas durante a noite. Ademais, a liña C1 duplicará frecuencia o venres e sábado, con buses cada 15 minutos.