Vigo sitúase como a cuarta gran cidade con menor desigualdade de España

Vigo é a cuarta gran cidade de España con menor desigualdade, segundo o estudo publicado pola Fundación de Estudos de Economía Aplicada (FEDEA) sobre a renda persoal nos municipios españois e a súa distribución nos anos 2021 e 2022.
O informe sitúa a cidade olívica moi preto do top tres do ranking estatal, encabezado por Xixón, Zaragoza e Valladolid, e destaca a súa boa posición entre os grandes municipios do país en termos de cohesión social.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou estes datos e subliñou que Vigo é unha das grandes cidades con menos desigualdade de España. “É un estudo moi ben feito”, afirmou, destacando a relevancia da metodoloxía empregada por FEDEA.
Para a elaboración do ranking, FEDEA utiliza o índice de Gini, un dos indicadores máis empregados a nivel internacional para medir a desigualdade na distribución da renda. Canto máis baixo é o índice, menor é a desigualdade existente.
Segundo a clasificación do estudo, as grandes cidades con maiores niveis de desigualdade serían Madrid, Málaga e Alicante, situándose no extremo oposto do ranking no que Vigo destaca polos seus mellores indicadores sociais.