Vigo súmase ao fenómeno K-Pop cun encontro para 40 mozas e mozos en VigoSónico

Abel Caballero impulsa a segunda edición do Encontro K-Pop en VigoSónico, unha actividade gratuíta que este sábado reunirá a 40 participantes para gozar de coreografías, talleres e unha tarde chea de ritmo e diversión
Vigo Sonico
15 Nov 2025

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou a celebración da segunda edición do Encontro K-Pop, que terá lugar hoxe, sábado 15 de novembro nas instalacións de VigoSónico, no Parque Tecnolóxico e Loxístico (PTL) de Valladares. A actividade, gratuíta e dirixida a 40 participantes, busca achegar á mocidade viguesa a un movemento cultural que “converteu a Corea nunha das grandes potencias creativas do mundo”.

O rexedor destacou que o K-Pop traspasou fronteiras e conquistou audiencias a nivel global, polo que considera que Vigo debe formar parte deste fenómeno xuvenil. O evento en VigoSónico ofrecerá 150 minutos de actividades entre as 17:00 e as 19:30 horas, cun programa deseñado para gozar dunha tarde chea de ritmo, enerxía e convivencia.

As persoas asistentes poderán participar nun taller de manualidades (Hanging Paper Doll) —para o que se recomenda levar tesoiras persoais—, nunha exhibición de coreografías, nunha sesión de Random Dance e nun sorteo final con agasallos.

VigoSónico, dependente da Concellería de Xuventude, preséntase como un espazo público e multidisciplinar pensado para a mocidade empadroada en Vigo. Ademais de apoiar artistas emerxentes, fomenta a colaboración, a creatividade e novas formas de expresión, reforzando o seu papel como punto de encontro cultural na cidade.

⚙ Configurar cookies
0.24335694313049