Vigo terá un novo voo directo a Londres

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade está “moi preto” de recuperar o voo directo entre Vigo e Londres e avanzou que remitirá unha carta aos presidentes da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra para propoñer o financiamento conxunto da ruta.
Segundo explicou, a proposta pasa por que cada administración asuma un terzo do custo mediante un contrato publicitario “legal e transparente”. Caballero agarda unha resposta “positiva e rápida” para poder formalizar as condicións do acordo e activar a conexión aérea canto antes.
“Vigo ten que ter un voo a Londres”, afirmou, incidindo en que se trata dunha ruta de interese xeral. “Unha ruta aérea non é só para Vigo. Voa xente de toda Galicia e de toda a provincia. Vigo é Galicia e Vigo é Pontevedra”, sinalou, apelando á corresponsabilidade institucional.
O rexedor deixou clara a posición do Concello: a conexión sairá adiante en calquera caso. “Con Xunta e Deputación, ou sen elas, Vigo terá un voo Vigo–Londres”, asegurou. No caso de que as administracións autonómica e provincial non se sumen ao proxecto, o Concello asumirá integramente o custo.
Caballero defendeu que a recuperación desta ruta reforzará a conectividade internacional da cidade e o seu posicionamento económico e turístico.