Vigo vive un multitudinario acendido e inicia a súa primeira fin de semana do Nadal

Vigo xa está oficialmente en modo Nadal. A cidade viviu este sábado un multitudinario acto de acendido que encheu a Porta do Sol e toda a zona céntrica, dando comezo a unha campaña que cada ano supera todas as expectativas. Con máis de 120 persoas acreditadas para retransmitir o ambiente, a cidade volve brillar con case 12 millóns de luces led distribuídas por 460 rúas e prazas.
O público, chegado de numerosos puntos de Galicia e do resto do Estado, non quixo perderse un dos eventos máis mediáticos do país. O ano pasado, o Nadal vigués superou os 6,3 millóns de visitantes, deixando un impacto económico estimado entre 500 e 1.000 millóns de euros. Este primeiro fin de semana de campaña, a ocupación hoteleira acadou o 86%, consolidando a Vigo como destino turístico de inverno.
Durante o seu discurso desde a icónica árbore de Nadal, o alcalde Abel Caballero saudou “ao mundo enteiro”, expresou o seu apoio ao pobo palestino e puxo en valor a ilusión e o protagonismo da mocidade. Ademais, destacou a expansión da cultura do Nadal e celebrou que numerosos municipios se sumen cada ano a esta celebración. Por último, convidou á cidadanía galega e visitante a achegarse á cidade nestas festas.
Con esta posta en escena, Vigo dá o pistoletazo de saída a unha programación que volverá converter a cidade nun dos epicentros do Nadal a nivel internacional.