Vigo volverá contar cunha dobre Cabalgata de Reis, con versión estática pola mañá e desfile pola tarde

Vigo volverá celebrar este ano unha dobre Cabalgata de Reis, cun formato que combina unha versión estática pola mañá e a tradicional cabalgata en movemento pola tarde, segundo avanzou o alcalde, Abel Caballero, durante a visita á montaxe das carrozas.
As Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente percorrerán a cidade o vindeiro luns 5 de xaneiro, nunha cabalgata que evocará a “maxia e a fantasía”, tal e como explicou o rexedor. A proposta estática desenvolverase na Avenida de Castelao, entre as 11:00 e as 14:00 horas, permitindo que as familias poidan achegarse con tranquilidade ás carrozas.
Xa pola tarde, a cabalgata tradicional dará comezo ás 18:00 horas, tamén desde a Avenida de Castelao. O percorrido continuará por Praza América, seguirá pola rúa Álvaro Cunqueiro, tomará Camelias e rematará na Praza do Bicentenario.
Segundo a previsión municipal, participarán 11 carrozas, das cales seis son municipais —Policía Local, Bombeiros, Carteiro Real e as de Melchor, Gaspar e Baltasar— e cinco pertencen a empresas colaboradoras. O desfile completarase con diferentes elementos de animación pensados para o público infantil.
Sobre as 20:00 horas, as Súas Maxestades serán recibidas na Porta do Sol, onde se dirixirán ás nenas e nenos alí congregados. Nese acto, o alcalde fará entrega simbólica das chaves da cidade, permitindo así que os Reis Magos poidan repartir “moitísimos agasallos” durante a noite máis máxica do ano.