Vilalba presenta o programa das Festas de San Ramón e Santa María, que mudan de formato

As sesións vermú ampliaranse ata as tres horas na Praza da Constitución e as verbenas concentraranse no Campo da Feira
fotos-presentacion-programa-fiestas-vilalba
19 Jun 2026

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Cultura, Mónica González, presentaron hoxe o groso da programación musical das festas de San Ramón e Santa María 2026, que se celebrarán entre o 26 de agosto e o 6 de setembro.

A presentación serviu para dar a coñecer as principais actuacións musicais das xornadas centrais das patronais, aínda que o programa continuará completándose nas vindeiras semanas con outras propostas culturais, deportivas, infantís e de dinamización que se recollerán no libro oficial das festas, no que xa se está traballando.

Entre esas actividades pendentes de presentar atópanse citas xa tradicionais como o venres da xira ou a programación específica dirixida ao público infantil.

Unha das principais novidades desta edición será a reorganización dos espazos festivos.
Así, as sesións vermú celebraranse na Praza da Constitución cun formato ampliado de tres horas de duración, mentres que todas as verbenas pasarán a desenvolverse no Campo da Feira.

Segundo explicou o goberno municipal, esta decisión responde á necesidade de mellorar a loxística das festas e facilitar a montaxe dos espectáculos, especialmente nunha edición na que os días principais da programación se concentran de forma continuada e na que participarán formacións de gran formato.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, explicou que “este cambio non responde só a unha cuestión organizativa, senón tamén a unha forma diferente de vivir as festas que vimos observando nos últimos anos”.

Rouco sinalou que “as sesións vermú gañaron protagonismo e cada vez son máis as persoas que aproveitan ese espazo para compartir e desfrutar da vila, polo que ampliámolas ao mesmo tempo que melloramos a montaxe das actuacións da noite”.

UN PROGRAMA VARIADO PARA DIFERENTES PÚBLICOS

O programa musical deste ano aposta por unha oferta diversa, combinando orquestras, grupos e concertos pensados para públicos e estilos diferentes.

A programación presentada hoxe inclúe:

● 26 de agosto | Xira dos maiores - Dúo Venus
● 28 de agosto | Xira campestre - DJs locais
● 29 de agosto | Xira campestre - Grupo La Bamba e Orquestra Galaxia
● 30 de agosto | Xira campestre - Grupo La Tremenda (sesión vermú longa) - Orquestra Los Satélites e Grupo Origen (verbena no campo da feira)
● 31 de agosto | San Ramón - Orquestra Escaparate (sesión vermú longa na Praza da Constitución) - Orquestra Panorama City e Orquestra Costa Dorada (verbena no campo da feira)
● 1 de setembro | Santa María - Orquestra Fuego (sesión vermú longa na Praza da Constitución) - Orquestra Paris de Noia e Orquestra Trébol (verbena no campo da feira)
● 4 de setembro - Orquestra Marbella e Cosme Deejay (verbena no campo da feira)
● 5 de setembro - Dúo Estrellas (sesión vermú longa na Praza da Constitución) - A toda pastilla. Tributo a Estopa e Yo Lataba en EGB con Marcos Peón e DJ Frisco (concerto na Praza da Constitución)
● 6 de setembro | Feira e Día das Parroquias (Román) - Orquestra Acordes (sesión vermú longa na Praza da Constitución.

A concelleira de Cultura, Mónica González, destacou que “o traballo de preparación das festas comeza practicamente cando remata a edición anterior e require coordinar moitos detalles para construír unha programación equilibrada”.

González explicou que “intentouse configurar unha proposta variada, dinámica e pensada para que cada persoa atope o seu espazo dentro das festas, independentemente dos seus gustos ou da idade”.

UNHAS FESTAS QUE SON MOITO MÁIS QUE UN CARTEL

Desde o Concello lembraron que as festas de San Ramón e Santa María son tamén un momento de encontro para a veciñanza e para todas aquelas persoas que regresan a Vilalba nestas datas.

A alcaldesa concluíu destacando que “as patronais forman parte da identidade da nosa vila e queremos que sigan sendo un espazo para compartir, reencontrarnos e desfrutar xuntos de Vilalba”.

Tras esta presentación, quedará pendente unha segunda cita na que se dará a coñecer o cartel oficial das festas, o seu autor ou autora e a persoa encargada do pregón desta edición.

PROGRAMA

0.351154088974