Vilar de Donas acollerá o 8 de agosto a XXXIII Feira do Cabalo da Comarca da Ulloa

A cita repartirá 2.415 euros en premios e incluirá sete probas ecuestres e un espectáculo de doma
Cartel-Feira-do-Cabalo-Palas-de-Rei-26
30 Jul 2026

Vilar de Donas converterase o vindeiro 8 de agosto no epicentro do mundo ecuestre coa celebración da XXXIII Feira do Cabalo da Comarca da Ulloa, un evento que terá lugar na pista do hipódromo da localidade e que reunirá durante toda a xornada a participantes e afeccionados chegados de distintos puntos de Galicia.

O programa dará comezo ás 10.30 horas coas probas matinais de andadura a dous tempos (serrada), andadura a catro tempos (chapeada) e trote de trotóns. Xa pola tarde será a quenda das carreiras de velocidade para cabalos cruzados e árabes, ademais da tradicional carreira de burros e da proba de estampa e beleza.

Como complemento ás competicións, a partir das 18.00 horas celebrarase o espectáculo “La magia del Caballo”, unha exhibición pensada para o desfrute do público asistente.

A organización repartirá un total de 2.415 euros en premios entre as distintas categorías que conforman o programa desta edición.

A presentación oficial da feira tivo lugar este martes no salón de plenos do Concello de Palas de Rei, nun acto no que participaron o alcalde, Pablo Taboada; os concelleiros Alicia López e Rodrigo Gómez; representantes da Asociación A Capela de Vilar de Donas, entre eles Raúl López e Manuel Escariz; así como veciños da parroquia.

A Feira do Cabalo da Comarca da Ulloa é unha das citas ecuestres máis consolidadas da comarca e reúne cada ano a numerosos participantes e visitantes arredor dunha tradición estreitamente vinculada ao mundo rural.

0.32359504699707