Villaverde preside a toma de posesión dos novos directores xerais do seu departamento

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidiu esta mañá en San Caetano a toma de posesión de Ángeles V. Suárez como directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e de David Gómez Brandariz como director xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.
Na súa intervención, Villaverde destacou “o coñecemento que ambos teñen do sector e dos retos que afronta”, tras desenvolver boa parte das súas carreiras na Consellería do Mar. Neste sentido, sinalou que a súa experiencia profesional aválaos para asumir as novas responsabilidades e subliñou a importancia de coñecer ao detalle o papel estratéxico da pesca, o marisqueo e a acuicultura para Galicia.
A conselleira agradeceu a Ángeles V. Suárez que aceptase o cambio de responsabilidade tras un ano e medio á fronte de Desenvolvemento Pesqueiro e destacou a súa “valentía, coraxe e traballo constante”. Pola súa banda, recoñeceu a experiencia de David Gómez Brandariz en ámbitos como a formación e o marisqueo, así como a súa maneira de afrontar os asuntos desde o traballo en equipo, cunha actitude construtiva e achegando ideas e solucións.
Nas súas intervencións, os novos directores xerais agradeceron a confianza depositada neles para asumir estas responsabilidades e comprometéronse a desempeñalas “con moito traballo, esforzo e dedicación”.
Villaverde tamén tivo palabras de agradecemento para as familias dos nomeados polo seu apoio e trasladou aos novos directores xerais o respaldo dos seus compañeiros nun departamento que definiu como “un pequeno equipo pero unha gran familia”. Finalmente, recoñeceu a implicación, dedicación e lealdade de Isaac Rosón durante a súa etapa á fronte de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, desde onde asumiu as súas novas responsabilidades como secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético.