Violeta Bernardo, artista: “Non concibo un mundo sen cultura; para min, a arte é unha necesidade”

Jessica Fernández
Cando sentiu que o seu era crear?
O meu amor pola arte xorde desde que case nacín. Cando era pequena, debuxaba con lapis nun encerado ou nun caderno e, sen decatarme, empecei a crear as miñas primeiras instalacións, que daquela nin sabía que se denominaban así. É dicir, gustábame compoñer con distintos materiais un motivo que expresase un sentimento, algo que para min tiña sentido. Despois do bacharelato, eu quería facer Belas Artes, pero na miña casa non me deixaron. Estamos falando dos anos 70, cando o normal era que as mulleres fosen esposas e nais, como moito, profesoras. E eu quería estudar, así que fixen Maxisterio en Lugo e, aínda sen rematar a carreira, empecei a traballar de profesora na Asunción, onde estiven 45 anos. Con todo, casei e tiven os meus fillos, pero seguía pintando e debuxando porque eu nunca o considerei como un pasatempo, para min era unha necesidade. Despois, cando os meus fillos xa foron maiores, decidín estudar Artes Aplicadas na Escola Ramón Falcón de Lugo e aí descubrín a escultura. Puxéronme unha Venus de Milo e un anaco de barro e animáronme a recreala e souben facelo. Gustoume tanto que me especialicei en cerámica durante cinco anos, xa que me permite xogar co volume e coa cor; e no ano 1996 fixen un curso no verán que se chamaba Ceramista Modelador Escultor con Daniel Ríos Caxigueiro, que me dixo que mercase un forno para poder cocer na casa as miñas esculturas. E no 1997 animeime a participar na Bienal de Fenosa, enviei a miña escultura ‘A muller e o zapato. Zapatos para unha vida’, e, sorprendentemente fun seleccionada entre as finalistas de entre case mil artistas aos que eu admiraba. E a raíz diso empezaron a xurdir exposicións.
30 anos despois, xa é recoñecida internacionalmente, séntese orgullosa?
Teño varias esculturas repartidas pola vila de Sarria, que é de onde son, e iso faime sentir orgullosa. Custoume moito e durante anos negueime a expoñer porque era como espirme diante da xente; amosar os meus sentimentos, ao final amoso o que eu sinto e a miña vida. Pero cando conseguín superar eses medos, presenteime a varios premios e gañei algúns, como en Burela, na Bienal de Lalín, na Bienal de Fenosa… E non só os premios, para min foi unha oportunidade sempre que puiden expoñer fóra. En Barcelona estiven expoñendo varias veces, tamén en Madrid, e fóra de España estiven en París varias veces, en Holanda, en Portugal, en Italia… E en Galicia estiven expoñendo en Arzúa, en Ferrol, e nos catro museos provinciais de Lugo. A ilusión que eu tiña era demostrar que o que facía pagaba a pena, porque estaba cansa de oír “estás perdendo o tempo”. Eu realmente nunca me sentín apoiada, pero tíñao claro. Eu traballaba, tiña fillos, coidaba aos meus pais, coidaba aos meus sogros, coidaba a todo o mundo, e estudei ao mesmo tempo que traballei. Entón, parecíalles que cando eu me poñía a facer arte era como perder o tempo, que tiña outras cousas máis importantes que facer, pero non era verdade, para min era importante.

Considérase unha muller feminista?
Si, moi feminista. E a miña obra tamén é feminista. Eu sempre traballo sobre a muller e sobre a natureza. Trato de contar unha historia costumista a través das miñas pezas, que son figurativas, non realistas. É máis, as miñas pezas non teñen expresión. É dicir, constrúo mulleres coa súa figura física, con todos os detalles, pero non teñen ollos, nariz ou boca, porque non quero darlles unha personalidade concreta, a miña intención é transmitir unha idea, pero tamén que o público interprete á súa maneira o que ve.
Como é o proceso de realización dunha escultura?
Primeiro, xorden palabras, conto unha historia. E, desas palabras, xorde un bosquexo, porque en escultura tes que buscar os equilibrios. Ademais, non é plano, é en tres dimensións e eu fágoa oca, só teñen un centímetro de parede. Traballo cun material brando que se ten que ir endurecendo e, por riba, empezo polos pés, en vez de pola cabeza, que é a que che dá as proporcións do corpo, porque somos 6 cabezas e media. E, se me equivoco, non vale a peza. Por iso, fago antes un estudo grande e logo realízoa. É un proceso que leva meses, xa que fago as pezas grandes por anacos, como un quebracabezas, porque non me caben no forno. Así, tamén as podo transportar para as exposicións, xa que, se fosen enteiras, pesarían moito.
Cales son as pezas que máis lle gustan?
Téñolle un agarimo moi especial á primeira, a da muller e o zapato, porque significou moito para min. Foi como o comezo. Despois, gústame moito a obra que teño en Catro Camiños, aquí en Sarria, porque dá moita alegría que a xente a teña como se fose súa. Tamén lle teño agarimo ás pezas que teño en tres museos da Rede Museística de forma permanente. Para min, chegar viva aos museos é unha pasada.

Crea tamén pezas para asociacións culturais, non?
Si, a peza da Noite Meigas de Meigas e Trasgos é miña, colaboro tamén coa Asociación Cultural Huhú, creei unha escultura que está na ruta de Fiz Vergara promovida pola Asociación Ergueitas, e durante moito tempo participei na realización das alfombras do Corpus, aínda que agora xa non me dá o corpo. En xeral, participo en todo no que me chaman, incluso estiven recentemente nos simposios salvaxes na Casa da Cultura. En definitiva, eu non concibo un mundo sen cultura e iso tamén mo inculcaron na casa, xa que o meu pai era músico e tocaba na Banda de Música de Sarria.
Ten proxectos futuros?
Si, eu vou seguir traballando no meu taller, e xa me chamaron para participar en dúas exposicións, unha no verán e outra no outono; pero prefiro vivir ao día e non me gusta anticiparme, porque nunca se sabe que pode pasar, aínda que eu onde máis gozo é traballando no taller. É onde son feliz. Onde non teño que dar contas a ninguén e fago o que me dá a gana. Eu sempre valorei moito a liberdade. E unha das razóns de traballar e gañar un soldo foi que eu quería facer a miña obra libremente, sen ataduras de ningún tipo. Nin de galerías, nin de institucións en xeral.
Con respecto a Sarria, está á altura do ambiente cultural que promove a sociedade?
Creo que se mellorou moito no apoio que se dá aos proxectos culturais, pero a Casa da Cultura é moi pequena. E na antiga cadea preventiva, que acolle exposicións, tampouco hai lugar para as miñas exposicións. Creo que a Casa do Marqués sería un lugar de exposición perfecto, pero téñeno paralizado. Hai moita xente que quere facer cousas en Sarria e hai pouco espazo. Eu creo que a parte artística, falo da miña cultura, non se valora. Fóra de aquí valórenme, pero aquí… Teño unha peza en Santa Mariña que está banalizada e abandonada; eu ofrecinme a refacela con outro material, pero non hai maneira. Eu non son ambiciosa, nin pretendo facerme millonaria, nin famosa, pero está ben que che dean o valor que tes. E, sobre todo, eu o que quero é deixar a miña obra feita, deixar un anaco de min, porque é unha maneira de sobrevivir.