“Votar a Feijóo é votar por España, por Galicia e por Vigo”, demanda Rueda nun mitin na cidade olívica

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, pediu “non frear” unha vez acadado o ecuador da segunda semana da campaña do 29N, e reforzar a mensaxe de que o “único voto útil” nas urnas para rematar con oito anos de sanchismo será o do Partido Popular. “Votar a Feijóo é votar polo futuro. É votar por España, por Galicia e por Vigo”, asegurou. Do outro lado, dixo, temos a un Sánchez disposto a “vender España” para manterse no poder, como vimos tras as declaracións de Puigdemont.
Rueda pechou o mitin celebrado polos populares na tarde deste xoves en Vigo, no que tamén participou o vicesecretario de Facenda, Vivenda e Infraestruturas do PP, Juan Bravo, e o cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Julio García Comesaña, e no que exerceu de anfitrioa a presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez. Tamén asistiron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López.
Na súa intervención, o líder do PPdeG mostrouse convencido de que Alberto Núñez Feijóo mostrará a súa valía o 29 de novembro. Neste sentido, afirmou que se está vendo nesta campaña os dous modelos que concorren ás urnas: o da moderación, xestión e sentido de Estado de Feijóo fronte ao das mentiras e a desvergoña que representa Sánchez.
Ao fío da actualidade, lamentou tamén que os escándalos non cesen nin en plena campaña, despois das declaracións do expresidente da Generalitat de Cataluña, Carles Puigdemont, que fuxiu de España para non responder ante a Xustiza polo referendo ilegal do 2017, que demostran que Sánchez é un presidente disposto a “vender España” con tal de manterse no poder.
No caso concreto de Vigo, Rueda lembrou que Sánchez nin cumpriu a súa promesa de liberar as peaxes da AP-9, nin traballou pola chegada da Alta Velocidade nin contribuíu a solucionar o problema da vivenda. E contrastouno co feito polo Goberno galego, con 1.600 vivendas públicas que se están construíndo en Navia, coa recuperación do teatro Fraga ou co futuro IES Domingo Villar. Unha comparativa que se pode resumir, dixo, en “xestión” -a do PP- fronte a “ineficacia” -a do sanchismo-.
Por último, animou ás galegas e os galegos que estean fartos e queiran cambiar as cousas para mellorar a súa vida a escoller a papeleta do Partido Popular, e demostrar, así, que en Galicia “apostamos” por un país que funciona e onde non ten cabida a corrupción.
GARCÍA COMESAÑA: “FORON OITO ANOS PERDIDOS PARA VIGO”
Pola súa banda, o cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Julio García Comesaña, lamentou estes "oito anos perdidos para Vigo", xa que concretou que ata unha quincena de proxectos do Goberno de España "se atopan totalmente paralizados pola política de absoluto de abandono" coa cidade, que exemplifica á perfección "o abandono, castigo, maltrato e discriminación" do Executivo de Pedro Sánchez coa provincia.
Así, especificou que Peinador está case sen voos; o AVE directo por Cerdedo desapareceu do mapa da alta velocidade; a Saída Sur a Portugal está adiada unha década; o estado da A-52 e das estradas nacionais é moi perigoso; o porto de Vigo adoece de falta de apoio; séguese sen Biblioteca do Estado, reforma do Instituto Oceanográfico e vivenda pública estatal; existen graves incidencias diarias no servizo de trens; carécese dun proxecto viable para conectar a A-52 coa cidade evitando a A-55; e a autoestrada AP-9 continua sen transferirse e liberalizarse coas condicións do acordo unánime do Parlamento galego.
Por iso, reclamou que Vigo apoie maioritariamente a Alberto Núñez Feijóo "para que a cidade comece a ser atendida como se merece e se abandone a situación de incomunicación e illamento á que a someteu o Executivo socialista".
XUNTANZA CON APE GALICIA EN PONTEVEDRA
O vicesecretario nacional de Facenda, Vivenda e Infraestruturas do Partido Popular, Juan Bravo, visitou esta tarde a cidade de Pontevedra, onde mantuvo una xuntanza de traballo coa directiva de Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE Galicia), para escoitar de primeira man as inquedanzas, retos e propostas do colectivo de autónomos e pequenas empresas galegas.
Previamente, acompañado do presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, do cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Julio García Comesaña, e dos candidatos, Pepa Pardo e Pedro Puy; así como do candidato ao Senado, Guille Juncal e do presidente local, Rafa Dominguez, Juan Bravo fixo un percorrido polas rúas de Pontevedra para conversar cos veciños e pulsar as necesidades do comercio local.

Borja Verea e Juan Bravo participaron tamén nun encontro con empresarios, empresarias e profesionais autónomos de Santiago para abordar os retos económicos da cidade e compartir as principais propostas do PP para impulsar a actividade empresarial e a creación de emprego.
O encontro reuniu representantes de distintos sectores da economía compostelá, desde pequenos negocios e profesionais autónomos ata pemes e grandes grupos empresariais. Verea destacou que o obxectivo era afastarse do formato habitual dos actos políticos para favorecer unha conversa directa cos asistentes, escoitar as súas preocupacións e coñecer de primeira man as dificultades ás que se enfrontan na súa actividade diaria.
Durante a súa intervención, o líder popular comprometeuse a reducir a un mes o prazo para a concesión de licenzas municipais e a crear unha oficina única empresarial que ofreza atención personalizada e axilice os trámites de empresas e profesionais autónomos.
«Para que Santiago poida industrializarse e atraer novos investimentos necesitamos dúas cousas: seguridade xurídica e axilidade administrativa», afirmou Verea.
Neste sentido, explicou que a súa proposta para conceder licenzas nun mes pasa por incorporar entidades certificadoras que permitan axilizar os procedementos, seguindo o exemplo doutros concellos nos que xa funciona este sistema.
Ademais, defendeu a creación dunha oficina única empresarial na que calquera empresa ou profesional autónomo que teña un trámite municipal bloqueado poida recibir atención personalizada e unha resposta áxil por parte da Administración.
«Crear unha oficina, dotala de medios e dar prioridade á resolución dos problemas administrativos das empresas é unha decisión política. E nós temos claro que a imos tomar», sinalou.