Xoán Fórneas: “A miña carreira como actor dá credibilidade, pero eu era músico antes de actor”

Xoán Fórneas, actor de Lugo recoñecido polos seus papeis en películas e series, vén de sacar o seu primeiro sinxelo, ‘Ferido’, co que amplía a súa traxectoria
Xoán-Fórneas
11 Jan 2026

Jessica Fernández

Cando se deu conta de que quería ser actor?

É unha cousa que sentín xa desde moi pequeno, desde o lúdico. Os ingleses para dicir que interpretan un papel, din ‘play a rol’, é dicir, xogan un rol, e eu penso que no meu caso xa vén da infancia, cando me inventaba que era outra persoa. Aí nace unha paixón de canalizar emocións e comunicarme co público. Eu penso que o punto de inflexión foi no colexio das Gándaras, xa que a profesora de Relixión, Elvira Cerdeira, organizaba un Belén Vivente e iamos disfrazados de personaxes, e eu lembro que nos gravaron en vídeo e despois nolo ensinaron na televisión que había na Biblioteca e gustoume verme representado. Así, foi crecendo o meu amor pola interpretación, no cole, no que había festivais, e gustábame iso. Lembro verme nesas gravacións e eu sentía que quería facer iso.

Como foron os primeiros pasos no mundo da interpretación?

No instituto formamos un grupo de teatro afeccionado fóra das horas de clase e incluso fixemos unha obra que mandamos a un concurso e chamáronnos para representala noutros sitios. Como eu tiña esa inquietude coa música e o teatro, apunteime á Escola de Teatro Palimoco e Pomba Luxilde axudoume a preparar as probas de acceso á Real Escola de Arte Dramático de Madrid. Tiven que negociar coa miña nai, porque eu fixen o bacharelato de Ciencias e, en principio, ía estudar Enfermería, pero como a cousa estaba mal en todos os sectores laborais nesa época, díxenlle á miña nai que ía estudar teatro, e se non conseguía nada nese mundo, estudaría Enfermería. Así, aprobei as probas de acceso á Escola e estiven catro anos estudando. Porén, as escolas públicas de Arte Dramático, a pesar de ter unhas boas instalacións, están moi desconectadas de como funciona o mundo real laboral. Cando saín da escola non sabía que facer, xa que non te explican a onde tes que ir, como buscar a un representante, como pasar un casting... que ao final son cousas básicas se queres vivir disto. Así que estiven uns meses perdido en Madrid ata que tiven a sorte de que se convocou un casting dunha serie para Televisión de Galicia da serie ‘Dalia a modista’, producida por unha produtora na que estaba unha rapaza que coñecía de antes, xa que de pequeno participei nalgún programa de televisión, e que me mandou a información. Fixen o casting e colléronme. Foi a miña primeira serie, na que me nominaron aos Mestre Mateo e iso abriume paso para facer outra serie. Con esa serie, conseguín unha representante que me conseguiu un papel na serie ‘Acacias’, que me puxo na roda e deume a coñecer.

Cales son os papeis que máis lle gustou facer?

Os que máis me gustaron interpretar son Castelao, e Quique en ‘Respira’, sobre todo porque están moi ben construídos. Como actor, tes cousas ás que agarrarte. Pero sempre digo que todo o que fun facendo serviume de aprendizaxe para os seguinte. Todos os personaxes te van levando ao actor que es hoxe.

Interpretar a Quique foi un gran proceso de aprendizaxe, non?

Sen dúbida. Para min, primeiro, foi unha gran oportunidade poder formar parte, como un dos actores protagonistas, nunha serie dunha plataforma tan coñecida. E con respecto a Quique, é un personaxe moi contraditorio, e iso é interesante, porque, por unha parte, ten vocación de salvar vidas e, por outro, está poñendo a súa vida e a dos demais en risco. Ao principio, o personaxe en guión era unha persoa máis complicada, atormentada, pero eu quería interpretalo dunha maneira máis torpe, que non ve as consecuencias dos seus actos. Interpretando este papel desfrutei e aprendín moitísimo, sobre todo grazas a un equipo incrible. Agradezo que os guionistas, produtores, directores, equipo técnico... tomaran en conta a miña visión do personaxe ao darlle vida ao que eles pensaron e escribiron; déronme moita liberdade creativa.

Como é traballar con actores e actrices da talla de Blanca Suárez, Aitana Sánchez-Gijón, Manu Ríos, Najwa Nimri...?

Hai que levalo coa máxima normalidade posible e darse de conta de que isto é o meu traballo e ao que me dedico. Refírome, eu tamén fun fan deses actores e partía desde un punto de admiración cara a eles, pero cando vas traballar, tes que deixar iso a un lado e atender o teu traballo, dándolle vida a un personaxe nunha serie, neste caso. Creo que todo artista pasou por esa etapa do síndrome do impostor, pero hai que ir aprendendo e agora non estou nesa fase. Por outro lado, a imaxe pública non nos pertence; nós seguimos sendo nós, pero ao ter unha presenza pública, a xente venos dunha forma que é como se existisen dous Xoán, un o de sempre, e outro que é o que agora é coñecido. E aos actores máis coñecidos pasaralles o mesmo. Ao final, son traballadores contratados para facer un labor e hai unha exposición pública que implica un efecto no espectador, pero a xente máis grande neste mundo é a máis normal e a que menos “tontería” ten. Ao final, a todos nos custa chegar a onde estamos e sabes que este traballo é fráxil, polo que hai que ser moi serio e facer ben o teu traballo. A xente máis mediocre é quen o ten máis crido, e por iso tampouco chega a máis. Hai un dito dunha serie que di “o importante de Puente Viejo non es ti, é Puente Viejo”, e basicamente niso consiste o mundo do cine. Os proxectos teñen que funcionar, e iso non se basea só en quen saia, senón no guión, na produción, o equipo, etc.

Falando recentemente con María Vázquez, comentábanos que quizais hai unha percepción distorsionada do sector.

Si, concordo con ela, que ademais é unha actriz á que admiro moitísimo. Realmente, o problema é que en Madrid, que é unha cidade que me encanta, hai moito talento, pero tamén moita “borralla”. Eu creo que, ás veces, dáselle moito pulo a xente ou proxectos de arte que non son tal, e iso tamén é así debido á prensa e ás redes sociais. A arte ten que perdurar no tempo e a fama que ten algunha xente é fugaz. Eu creo que teño talento e que teño a capacidade de ver o talento nos demais, pero estamos moi condicionados polos cartos, a moda, etc. Entón, cando chegas a un punto álxido na túa carreira, tes que pararte, seguir traballando duro e non deixarte levar por esa “fama” instantánea que te pode nubrar.

É dicir, estar cos pés na terra. E, falando diso, vostede leva a súa por onde vas. É máis, a pesar de ter vivido en Madrid moitos anos, quixo facer esta entrevista en galego.

O galego é a miña lingua materna e, ademais, tendo en conta a situación de diglosia que se vive en Galicia e que o galego é unha lingua minorizada, eu creo que debe ocupar un espazo forte a nivel social e debemos conservalo, porque, como dicía Castelao, algo así como que o idioma é o Santo Grial do pobo, a maior expresión da cultura dun pobo, e o galego é un idioma único. E por iso tamén tomo a decisión de facer a miña música en galego e oxalá que guste máis alá de Galicia.

Falando de Castelao, vostede protagoniza a película sobre Castelao ‘Antes de nós’. Como valora esta experiencia?

Eu non ía facer o papel de Castelao, pero ao actor protagonista saíulle outro proxecto e a directora, que coñecía o meu traballo, decidiu que fose eu Castelao. Había responsabilidade, medo a fallar e a equivocarse, pero sentíame preparado para facelo e ademais estiven moi ben rodeado. Foron moitos días de moito traballo, moito ensaio coas lingüistas e co resto do equipo para montar a cabalo, etc. Pero encantoume. Gústame ser actor por isto, pola complexidade de construír un personaxe.

Como foi o proceso de dar o paso a meterse no mundo da música?

Creo que o primeiro que me axudou a dar ese paso foi saír de Madrid, porque me condicionaba, pero eu xa sentía esa inquietude de sacar a miña música e en galego. Ao vir a Galicia seguía sentindo ese medo a que non gustase, pero prefería iso que arrepentirme de non facelo. En verdade, foi un proceso duro porque estaba eu só, a miña carreira como actor dá credibilidade, pero realmente eu era músico antes de actor, entón era algo que tiña que xurdir. Afortunadamente, estame indo moi ben e iso anímame a seguir.

Fálemos do videoclip, que está gravado en Castro de Rei.

Si, de onde son os meus avós. Eu tiña unha idea creativa, pero tratei de unir un equipo que me axudase a poñer en pé todo o que eu quería facer. Así, preparamos tamén unhas pezas para redes sociais nas que integramos aos patrocinadores, negocios locais que fixeron posible este sinxelo e quería devolverlles o seu apoio. Eu quería lanzar música pero sen renunciar ao que eu son, porque foron unha especie de microdramas que avanzaban de que ía ‘Ferido’, e tamén como forma de promocionar a canción. No videoclip represéntase como unha lenda na que unhas meigas curan un corazón roto de amor afumándoo, como un botelo. Así, as meigas curan corazóns feridos polo desamor como un ritual de curación para que a dor transcenda e poidamos celebrar que estamos vivos. Paréceme importante mostrar que a dor é parte da vida e tamén que te vas curar. Cando ti estás ferido, non o ves, pero isto vai pasar nalgún momento, e mentres temos que deixar que saia fóra.

Cales son os seus proxectos de futuro?

Agora mesmo estou rodando unha serie para Atresplayer cunha produtora de Galicia e quero seguir en proxectos do mundo audiovisual, e á vez, quero seguir traballando creando música en galego. A idea é sacar máis cancións en 2026.

⚙ Configurar cookies
0.33815789222717