Xosé Lois Ledo recibe o V Premio de Honra Dolores Ben de AGAPI

A Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) acordou conceder o V Premio de Honra Dolores Ben a Xosé Lois Ledo, en recoñecemento á súa traxectoria profesional e ao seu labor na defensa do audiovisual galego e do cinema independente.
O galardón foi creado por AGAPI no ano 2021 co obxectivo de manter viva a memoria de Dolores Ben e distinguir persoas e institucións que representen os valores de compromiso, loita e defensa do ben común que marcou a súa traxectoria vital e profesional.
Dolores Ben presidiu AGAPI entre os anos 2007 e 2019 e deixou unha fonda pegada no sector audiovisual galego polo seu traballo, integridade e compromiso. A asociación destaca a súa contribución á consolidación dun horizonte sólido para o audiovisual galego tanto no ámbito cultural como empresarial.
Nesta quinta edición, AGAPI quixo recoñecer a figura de Xosé Lois Ledo Andión, licenciado en Xornalismo e especializado en guión e documental. Na actualidade é administrador único da produtora Nós, PCG, S.L. e ao longo da súa carreira desenvolveu unha intensa actividade como produtor, director e director de produción en numerosas obras audiovisuais.
Entre os seus traballos máis destacados figuran, como director de produción, os filmes Santa Liberdade, Liste, pronunciado Lister e A cicatriz branca. Tamén foi produtor executivo e director do documental Bestas, seleccionado para participar no Festival de Cine de Málaga no ano 2002.
No ámbito televisivo participou nas series O corpo da alma e Imos de viños, ademais dos documentais Inmigrantes no país da emigración, O país dos mistos e O Garabelo.
A produtora da que é administrador incorporouse a AGAPI no ano 2005, pasando el a formar parte da directiva presidida por Dolores Ben. Posteriormente ocupou a vicepresidencia da asociación durante a presidencia de Felipe Lage Coro, cargo que desempeñou ata este ano 2025. Como representante do sector audiovisual galego, participou tamén no Parlamento Europeo, en Estrasburgo, na defensa do cinema independente.
A súa traxectoria profesional abrangue ademais o ámbito da administración pública, onde exerceu como secretario do Concello de Corcubión, interventor da Escola Galega de Administración Pública e xefe do Servizo de Fiscalización e Contabilidade da Consellería de Presidencia e da Presidencia da Xunta de Galicia.
A entrega do premio terá lugar o vindeiro 10 de xuño ás 19.00 horas en Cinemar Films, estudo cinematográfico de son fundado por Dolores Ben no ano 2006 e situado no polígono de Novo Milladoiro, preto de Santiago de Compostela.
Nas edicións anteriores, o Premio de Honra Dolores Ben recaeu na poetisa e xornalista cultural Ana Romaní, na xornalista Tareixa Navaza, na tradutora e asesora lingüística Rosa Moledo e na produtora Fernanda del Nido.