Xove acolle o Día Provincial das Amas de Casa cunha ampla participación e ambiente de convivencia

Preto de 140 mulleres de doce asociacións da provincia participaron nunha xornada chea de actividades culturais e sociais
Dia-provincial-Amas-de-casa-Lugo-2026-Xove
27 Apr 2026

O Concello de Xove converteuse no punto de encontro do Día Provincial das Amas de Casa, unha cita que reuniu a arredor de 140 mulleres procedentes de distintos puntos da provincia de Lugo. A organización correu a cargo da Asociación de Mulleres Bolboretas de Palmeiro, que preparou unha completa programación marcada pola participación e o intercambio de experiencias.

A xornada comezou cun almorzo elaborado polas propias integrantes da entidade anfitrioa, ao que lle seguiu unha exposición na que se amosaron diferentes traballos realizados ao longo da súa traxectoria. Unha mostra que puxo en valor o labor desenvolvido pola asociación e o seu compromiso co movemento asociativo.

Durante a mañá tamén se proxectou un audiovisual centrado na historia da antiga baleeira do porto de Morás, recuperando así unha parte destacada do pasado industrial do municipio. Tras a proxección, as asistentes desprazáronse ata a zona etnográfica da baleeira, onde recibiron explicacións sobre a evolución deste enclave da man de Lucía Sánchez, socióloga do Concello, e de Brais Vilar, de Rutas Galicia Norte.

A programación continuou cun xantar de confraternidade no que se entregou un detalle a cada unha das asociacións participantes como agradecemento pola súa implicación no encontro.

No evento estiveron representadas un total de doce entidades: Asociación Angueiras de Chavín (Viveiro), Asociación de Amas de Casa Beiromar de San Cosme de Barreiros, Asociación Parroquial de Amas de Casa e Consumidores de Santa María de Bretoña, Asociación de Amas de Casa Río Miño de Meira, Asociación de Amas de Casa e Consumidores Alborada de San Cibrao (Cervo), Asociación Provincial de Amas de Casa e Consumidores Lugo Lucus, Asociación de Amas de Casa de Ribadeo, Asociación de Amas de Casa Praia da Marosa de Burela, Asociación de Amas de Casa Virxe do Carme de Foz, Asociación de Amas de Casa de Mondoñedo e Asociación de Amas de Casa e Consumidores Bruma de Lagostelle (Guitiriz), ademais da entidade organizadora.

O alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, quixo destacar o esforzo realizado pola asociación anfitrioa na organización do evento, ao tempo que puxo en valor o papel destas entidades na dinamización social, cultural e comunitaria dos concellos.

A xornada desenvolveuse nun ambiente de convivencia e colaboración, reafirmando a importancia destes encontros como espazos de participación e intercambio entre mulleres de toda a provincia.

0.27562403678894