Xunta e Fiscalía firman un convenio para loitar contra o acoso escolar no rural

Permitirá fortalecer a coordinación institucional para promover contornas educativas seguras, inclusivas e respectuosas
fiscal-general-e-conselleiro-de-educacion
17 Jun 2026

A Fiscalía Superior de Galicia e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia subscribiron hoxe un convenio de colaboración destinado a reforzar a prevención, detección e intervención fronte ao acoso e ao ciberacoso escolar en toda a comunidade autónoma, con especial atención aos contornos rurais.

O acordo foi asinado pola fiscala superior de Galicia, Carmen Eiró Bouza, e polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez González. Este convenio permitirá fortalecer a coordinación institucional no marco da Rede de Concellos contra o Acoso Escolar, unha iniciativa orientada a promover contornas educativas seguras, inclusivas e respectuosas.

A través deste acordo, ambas institucións reafirman o seu compromiso coa protección da infancia e da adolescencia, así como coa promoción dunha cultura baseada na tolerancia, o respecto e a convivencia.

A loita contra o acoso escolar constitúe unha das liñas prioritarias de actuación da Fiscalía de Galicia. Os fiscais de menores desenvolven diariamente un labor esencial na protección de nenos, nenas e adolescentes afectados por estas situacións, garantindo a defensa dos seus dereitos e promovendo actuacións preventivas e educativas que permitan atallar os conflitos antes de que se agraven.

Con este convenio refórzase especialmente a actuación nos contornos rurais, onde, segundo sinalaron desde a Fiscalía, “o acosador e a vítima comparten máis tempo e espazos, conviven nun mesmo contorno practicamente as 24 horas do día e resulta moito máis difícil romper as dinámicas de illamento”.

Tal e como recolle a Memoria da Fiscalía correspondente ao exercicio 2024, a institución presta unha atención especial aos fenómenos de acoso e ciberacoso escolar, unha realidade cada vez máis complexa debido ao uso das novas tecnoloxías e á capacidade de difusión e permanencia das condutas lesivas a través das redes sociais e outros medios dixitais.

O convenio asinado permitirá reforzar este labor mediante unha maior colaboración entre administracións, centros educativos e entidades locais.

Obxectivos do convenio

Entre os principais obxectivos do acordo figuran mellorar a coordinación para detectar e abordar con maior eficacia os casos de acoso e ciberacoso, realizar un seguimento continuado das situacións de risco, ofrecer apoio aos centros educativos e impulsar accións preventivas que fomenten a convivencia positiva e o respecto mutuo.

Así mesmo, promoveranse programas específicos adaptados ás necesidades de cada territorio e accións formativas dirixidas aos profesionais do ámbito educativo.

No marco deste convenio, a Fiscalía Superior de Galicia comprométese a participar na formación especializada dos profesionais implicados e a promover, cando proceda, vías de intervención extraxudicial que favorezan o recoñecemento do dano causado, a corrección das condutas e a reparación ás vítimas.

Para garantir o correcto desenvolvemento do acordo crearase unha comisión mixta de seguimento integrada por representantes de ambas institucións.

O convenio terá unha vixencia inicial de catro anos, prorrogable por outros catro, e será de aplicación en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

0.40392994880676