Xunta e o Colegio de psicólogos renova a colaboración para atender gratuitamente ás vítimas da violencia de xénero

O Consello da Xunta deu luz verde ao convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) para continuar este ano co programa de atención gratuíta a mulleres e menores vítimas de violencia de xénero e os seus familiares. A achega do Goberno galego a este acordo é de 460.000 euros, a mesma contía que no 2025, e a previsión é atender a máis de 1.600 persoas.
Con esta colaboración, a Xunta pon á disposición das persoas que viven ou viviron situacións de violencia de xénero unha rede de profesionais da psicoloxía especializados na atención, co obxecto de axudalas no seu proceso de recuperación. Así, con estre convenio financiase unha quenda de garda, que presta atención psicolóxica, especializada e permanente, no momento da interposición da denuncia.
Ademais, o acordo inclúe o desenvolvemento dun programa de apoio psicolóxico a homes con problemas de control da violencia no ámbito familiar, para que teñan recursos para resolver os conflitos sen recorrer á violencia. Este programa denomínase Abramos o círculo.
Outros servizos que recolle esta colaboración entre o Executivo autonómico e o colexio de Psicoloxía son: a cobertura da asistencia domiciliaria urxente en caso de mortes ou agresións graves, a colaboración co Centro Autonómico de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero (CRI) e a garantía de acceso ás persoas con discapacidade auditiva ou da fala.
Entre os anos 2009 e 2025, grazas aos convenios subscritos co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia prestouse atención especializada a un total de 16.162 persoas: 10.934 mulleres, 3.097 menores, 523 persoas da contorna familiar das vítimas e 1.608 homes que participaron no programa Abramos o círculo.