Xunta e reitorados de Galicia traballan nos axustes técnicos necesarios para a nova lei de universidades

Reforzarase o papel dos Consello Sociais, que deberán facer unha auditoría externa, o que redundará nunha maior estabilidade orzamentaria para estes centros
reunion-roman-rodriguez-reitores-universidades
1 Oct 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse onte á tarde coas reitoras das universidades de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras; e de Vigo, Carmen García Mateo; e co reitor da Coruña, Ricardo Cao, para traballar de xeito conxunto para axustar a Lei 6 do Sistema universitario de Galicia ao actual marco normativo estatal marcado por, entre outras, a Lei Orgánica 2/2023, de 22 de marzo, do Sistema Universitario (LOSU).

Nun encontro, no que tamén tomou parte o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, o conselleiro sinalou que “a LOSU foi unha oportunidade perdida, porque foi unha lei pouco ambiciosa e que non xerou os cambios estruturais necesarios no sistema universitario español”. De feito, lembrou que “aspectos vertebrais como a estrutura do financiamento con carácter plurianual xa estaban recollidos” no texto galego. Deste xeito, e despois de facer unha análise xurídica, concluíuse que a inmensa maioría dos cambios que hai que facer na lei galega son de carácter técnico.

Nesta situación, a Xunta opta por unha adaptación da lei galega por ser o proceso máis sinxelo e áxil. Por tanto, estas modificacións, en debate coas tres universidades, incluiranse na Lei de medidas que acompañará aos Orzamentos de 2027.

Os cambios abordados nesta primeira reunión de traballo inclúen o reforzo do papel dos Consellos Sociais, unha proposta xa traballada conxuntamente co Consello Social de cada unha das tres universidades. En concreto, introducirase a necesidade de ordenar, con carácter obrigatorio e periodicidade anual antes da aprobación das contas da universidade, a realización dunha auditoría externa e independente de ditas contas e da xestión económico-administrativa da universidade.

Deste xeito, dáse contundencia á función destes órganos de supervisar as actividades de carácter económico da universidade e aprobar as súas contas anuais. A auditoría externa deberá facerse con carácter previo á aprobación das contas anuais da universidade. Desta forma avaliarase a corrección da contabilidade entregada pola universidade, o que redundará nunha maior estabilidade orzamentaria necesaria para estas institucións, ao permitir detectar posibles desaxustes antes de comprometer os novos orzamentos.

0.38598990440369