Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Ribadeo saca a poxa por cuarta vez dous inmobles, na rúa bispo veres

Por 7 Febreiro, 2020Sin comentarios

O alcalde, Fernando Suárez, anuncia que volven saír a poxa, por cuarta vez os dous inmobles propiedade do Concello na rúa Bispo Veres. O prezo nesta ocasión será 68.000 euros e os edificios poden adquirirse xuntos ou por separado. Saíron a poxa en 2019 por 87.000 euros e agora esa cantidade rebaixase dun xeito considerable. O rexedor destaca a situación e as vistas sobre a ría.

Fernando Suárez dixo que “desde o Concello de Ribadeo imos iniciar, e esperemos que sexa a última vez, esta poxa destes dous inmobles que o Concello matriculou hai  un tempo ao seu nome, que están nunha situación derruída desde hai moitos anos, en pleno corazón do casco vello, cunhas vistas sobre a ría de Ribadeo espectaculares, nunha posición dominante de toda esa zona. Desde hai máis ou menos dous anos subastámolas en varias ocasións e quedaron desertas, cada vez que facíamos a subasta baixábamos  o prezo”.

O alcalde explicou que “desta última volta estivemos a piques, pero por algún motivo non se animou finalmente algunha das persoas que ían puxar. Agora facemos unha cuarta, eu penso que a un prezo de derribo, saen en total por preto de 68.000 euros as dúas, en Bispo Veres número 2 e número 4, practicamente unha delas en torno a 40.000 euros con IVE incluído e a outra uns 26.000 euros con IVE incluído, pódense comprar xuntas ou por separado”. 

O rexedor subliñou que “hai que ter en conta que en total estamos falando duns 700 metros cadrados de capacidade edificatoria, cos destinos que permite a normativa, pode ser para vivendas residenciais, vivendas turísticas, para un hotel ou un albergue, e incluso para unha parte destinada a garaxe e outra residencial. Sempre que a normativa o permita desde o Concello non poñeremos ningún problema para os usos posibles. Hai que ter en conta que un dos edificios está formado por baixo máis primeiro e outro ten baixo máis primeiro e segundo. En total un deles case 400 metros cadrados e outro uns 300 metros cadrados”.

Suárez Barcia engadiu que “todas as persoas físicas ou xurídicas interesadas na adquisición destes inmobles poderán ter un prazo duns 90 días. Todo este expediente está na plataforma de contratos do Estado, e tamén desde a páxina web do Concello de Ribadeo. Para máis información poden acudir ás oficinas do Concello, onde lles explicarán os técnicos con todo luxo de detalles. Eu penso que esta é unha oportunidade moi boa, a un prezo moi bo, para adquirir estes dous inmobles que a día de hoxe, desde hai moitos anos, son unha ruína pero que unha vez rehabilitados serían dous inmobles espectaculares”.