Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O BeOne Sub16 prantou cara a un potente Vigo

Por 20 Febreiro, 2020Sin comentarios

O Vigo Rugby é de novo o gran favorito para alzarse coa liga Sub16 Galega de Rugby. Despois dunha primeira volta na liga Sur onde todos os seus encontros foron vitorias con peche de acta (gañar de máis de 40 puntos) e sen recibir ningún ensaio en contra, desprazaron a Ribadeo 18 xogadores para este primeiro duelo na liga polo título.

Enfronte un Ribadeo de novo mermado polas baixas e que só puido aliñar 14 xogadores, 3 deles sub14 de segundo ano, que a pesar de todo plantou cara durante todo o partido nunha mañá desapracible, con forte vento, que impediu a ambos os equipos despregar o seu xogo á man.
A primeira parte foi un toma e daca constante entre ambos os equipos e só a boa definición dos Vigueses facía que lograsen tres ensaios, dous deles transformados, un marcador 0-19, que non reflectía o visto no campo pois os de BeOne lograron ata en catro ocasiones encerrar ao seu rival na súa zona de 22 pero, ou ben por precipitación ou por erros individuais puntuais en ningunha delas conseguiron saír deste asedio con puntos.

Na segunda parte, cun xogo moi pechado, pois o vento non permitía abrir á man, o equipo local seguía presionando ao Vigo e froito dunha destas xogadas de continuidade e apoio da dianteira o Pilier Darío Fdez. conseguía o ensaio.
Destacar que é o primeiro ensaio que recibe o equipo Vigués e a pesar de que finalmente, e tras a lesión de Daniel Amor, tamén souberon impoñerse nesta segunda parte para chegar ao definitivo 5-34, ben puideron ser dous ou tres ensaios máis para os locais de non ser de novo por erros nos metros finais.

Unha derrota doce, pois se coñecía de antemán da dificultade do rival. Como ben viña comentando durante a semana o adestrador local “ xogar contra equipos como Vigo hanos de facer crecer como grupo, son un equipo moi compensado, cunha dianteira potente e unha liña de tres cuartos rápida e ben organizada. Por algo son a base da Selección Galega Sub16. Para nós son partidos de aprendizaxe.
Hoxe demos un paso adiante e esperamos ir ao seguinte encontro en Pontevedra con esta actitude loitadora que se puido ver durante os 80 minutos”.

A próxima xornada hai descanso para os sub16 pero entran en xogo os sub18/ senior que se miden ao equipo de Candas o vindeiro domingo en Tapia de Casariego e hai traballo para os catro xogadores, 2 sub14 e 2 sub16, que se atopan no Centro de Perfeccionamento Técnico.