Skip to main content
ActualidadeBarreirosSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Ermida, en contra do suposto peche provisional de varios centros de saúde

Por 23 Marzo, 2020Sin comentarios

Ante as novas desta fin de semana que afectarían ao Centro de Saúde de Barreiros, e a falta de comunicación oficial algunha, a alcaldesa vén de dirixirse á Xerencia do HULA e á Xefatura territorial de sanidade para trasladarlles un escrito.

“Tralas noticias aparecidas nesta fin de semana a respecto da posibilidade de peches de centros de saúde para centralizar a atención sanitaria en centros máis grandes, entre os que se atoparía o centro de Saúde de Barreiros: o Goberno municipal de Barreiros, sendo coñecedores da situación excepcional que se está a producir, pero tendo tamén consciencia de que a poboación maioritariamente usuaria do centro de saúde de Barreiros se corresponde con poboación de risco, manifestamos que é preocupante que se opte por unha medida deste tipo, centralizando a atención nun único centro para a poboación de varios Concellos, cando todas as indicacións que se teñen trasladado á poboación van no sentido de evitar aglomeracións e/ou lugares concorridos”, relata a alcaldesa Ana Ermida.

“Tamén existe un importante número de persoas usuarias “habituais” do centro de saúde que teñen que poñer tratamentos ou curas permanentes (Sintrom, curas, etc.) que son poboación de risco, ben por idade ou por ser enfermas crónicas. As indicacións para estas persoas é que eviten as saídas e os contactos. Nese sentido, cremos fundamental garantir a seguridade das persoas usuarias en situación de risco, ás que se obrigará a desprazarse, nalgún caso a máis de 20km dos seus fogares para unha atención sanitaria básica. Debemos ter en conta tamén que moita desta poboación carece de medios propios para o desprazamento o que a obrigará a tomar transportes colectivos ou outras opcións que poden ser de dubidosa oportunidade nesta situación”, prosegue a nacionalista barreirense.

“Cómpre que por parte do Sergas se traslade unha información detallada á poboación e a esta institución municipal, especificando as razóns de tal decisión e se se tiveron en conta outras alternativas que puideran facilitar o acceso da poboación máis vulnerable en condicións de seguridade”.