Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Repartiranse dúas mil postais e cincocentas chapas polo Día da Nai en Ribadeo

Por 27 Abril, 2020Sin comentarios

Vanse repartir dúas mil postais e cincocentas chapas para celebrar o Día da Nai en Ribadeo. A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo subliña que “se trata dunha campaña modesta, pero non queremos pasar a oportunidade de felicitar ás mamás nesta época tan complicada que nos toca vivir. A situación é difícil, pero hai que tentar darlle normalidade a todo isto na medida das nosas posibilidades”.

A postal leva a seguinte mensaxe “como un fillo a unha nai o comercio e a hostalaría ribadense precísante mais ca nunca. Xuntos volveremos. Merca e consume en Ribadeo. Hoxe máis ca nunca, ti dásnos a vida”. E a chapa pon Prohibido renderse: “non podemos rendernos nin na casa nin nosos negocios. Veñen tempos complicados, pero xuntos lograremos saír adiante”.

A Asociación de Comerciantes de Ribadeo lembra que “o comercio e a hostalería locais precisan da fidelidade da súa clientela. De aí que os animemos a mercar nos negocios da nosa vila que venden on line ou naqueles, que por seren servizos esenciais, levan abertos desde que se decretou o estado de alarma a mediados do pasado mes de marzo. O Día da Nai está aí e temos negocios dispostos a ofrecernos ese detalle que precisamos”. Acisa traballa para ultimar a posta en marcha canto antes da APP Ribadeo cerca de ti, a través da que tamén será posible a venda por internet dos asociados e asociadas. A directiva de Acisa indica que “estes días estase a falar moito de plataformas de venta on line a nivel local. Consideramos que é unha boa e necesaria ferramenta, na que nós levamos un tempo traballando. Co estado de alarma todo se parou, pero retomarase para cando volvamos á normalidade”.

Desde Acisa explican que “esta campaña é un xesto que queremos ter coas nais de Ribadeo, pero tamén cos propietarios e traballadores deses locais que están abertos para que a nosa vida siga a ser o máis normal posible, dentro desta crise sanitaria ocasionada polo Covid-19 que estamos a vivir”.

As postais e as chapas poderán atoparse nos establecementos asociados esenciais que están abertos os días 2 e 3 de maio: Panadería Torviso, Gasolineira El Jardín, Os Irmandiños, Panaderías La Plaza, Bis a Bis, Pastelería La Candelaria, Grupo Valcarce, Panificadora del Eo, Beep Informática, Fauna, Morán e nas farmacias asociadas. “Hai locais que abren dos dous días e hainos que so abren o sábado”, engaden desde o colectivo empresarial ribadense.

Desde Acisa piden responsabilidade: “como diciamos queremos render homenaxe ás nais con esta campaña, pero queremos pedir responsabilidade á hora de saír da casa. Seguimos en estado de alarma, seguimos confinados, entón para conseguir os agasallos de Acisa deben facelo aproveitando as saídas que están permitidas”.