Skip to main content
ActualidadeCervoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Multitudinaria manifestación en Viveiro contra o peche de Alcoa

Por 7 Xuño, 2020Sin comentarios

Veciños da Mariña mobilizáronse en Viveiro para reclamar a continuidade da factoría cervense Alcoa, da que depende o 30% do Produto Interior Bruto da provincia.

Nesta manifestación concentráronse unhas 17.000 persoas, segundo cálculos da Policía Local. Os traballadores e familias iniciaron a marcha ás 11.30 horas e despois percorreron o centro urbano da localidade vivariense.

A manifestación multitudinaria terminou na Praza Maior e alí os manifestantes volveron reclamar unha solución que evite o peche da planta alumieira baixo o lema Enerxía, solución.

O xoves, o comité de empresa reuniuse coa multinacional estadounidense e pediulle que reconsiderasen a súa decisión.

Pola súa banda, os representantes políticos uníronse ás mobilizacións e a delegación do BNG, encabezada pola portavoz nacional, Ana Pontón afirmou que a solución para a Alcoa é “a nacionalización e unha tarifa eléctrica” para acabar co espolio exerxético en Galicia e  insistiu en que hoxe é máis   necesario que nunca “vontade política” para salvar miles de empregos en toda a comarca da Mariña ante o anuncio de  peche dunha fábrica vital para o futuro desta comarca.

Pontón asegurou que resulta inconcebible que con tanta riqueza eléctrica en Galicia teñamos o futuro desta comarca pendente desta enerxía. “É urxente que a Xunta e o goberno central busquen solución e non problemas”, afirmou.

Tamén a presidenta provincial do PP, Elena Candia, como os alcaldes de Xove e Cervo, Demetrio Salgueiro e Alfonso Villares, respectivamente, participaron activamente na manifestación. A dirixente popular afirma que “hoxe A Mariña falou alto e claro, unha vez máis, e pide solucións a Pedro Sánchez, xa que tanto a xestión da enerxía, como a dos fondos europeos son competencia do Goberno central”.

“O tempo esgótase. Van cheos de enganarnos, pero aínda pode aprobarse ese estatuto coas alegacións que si evitarían o peche”. Ademais, explica Candia, “sabemos que a Xunta de Galicia apoiará as solucións do Executivo que é quen está obrigado a dalas”. “Pedro Sánchez non pode escudarse porque foi el mesmo o que dixo que ía dar unha solución”, remarca a presidenta provincial.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, manifesta que, tanto a concentración de onte como a de hoxe,  constata “toda a preocupación da Mariña por Alcoa, que é a que que nos dá vida a esta comarca”. Neste senso, Villares é moi contundente: “a solución sempre a dixemos e segue sendo a mesma, a aprobación do borrador do estatuto coas alegacións por parte do Goberno porque este trámite depende del e sempre dependeu del”.

Na mesma liña, o máximo mandatario de Xove, Demetrio Salgueiro, indica que “estas mobilizacións son a representación clara da situación que estamos vivindo”. “É necesario que se fixe un prezo da enerxía, aceptando as alegacións dos estatuto, e a única administración que o pode facer é o Goberno de España, que é quen ten as competencias. O que necesitamos e queremos é que se garantan os postos de traballo e a produción de aluminio que, no estado de alarma, está considerada como industria esencial. Ademais, somos a única fábrica de España”.