Skip to main content
ActualidadeMondoñedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Os socialistas de Mondoñedo demandan á Xunta que cubra a praza de médico do centro de saúde

Por 3 Agosto, 2020Sin comentarios

Os socialistas de Mondoñedo demandan á Xunta, concretamente á Consellería de Sanidade, que cubra a praza de médico que existe no centro de saúde por mor da xubilización dun sanitario. Así o fixeron a través dun rogo presentado no pleno ordinario, celebrado na Casa Consistorial o pasado 31 de  xullo.

“Non podemos consentir que recorten servizos nun asunto tan esencial como a atención primaria. Merecemos unha sanidade de primeira categoría, máxime nunha situación de pandemia como a que vivimos nas ultimas datas”, advertiu a voceira socialista Esperanza González.

Nesta mesma sesión plenaria o Grupo Socialista presentou outro rogo “para que nos parques infantís da cidade se instale un panel informativo sinalando a capacidade dos mesmos, co fin de informar á todos os usuarios destes espazos do aforo de cada parque”, explicou González.

300.000 euros para o Mirador

O grupo socialista tamén interpelou ao Goberno para coñecer a data do inicio das obras de acceso ao Mirador de Mondoñedo, que foi cedido pola Deputación de Lugo ao Concello, e onde o organismo provincial realizou unha achega económica de 300.000 euros repartidas en varias anualidades. Hai que lembrar que o propio Concello de Mondoñedo destinou xa no 2019, 150.000 euros deste convenio para mellorar vías en seis núcleos nas parroquias dos Remedios, Viloalle e o Carmen.

E agora con outros 150.000 euros o Concello de Mondoñedo, a través deste mesmo convenio, realizará melloras nos seus accesos. As obras de acondicionamento serán dende o Mirador ao Campo dos Paxariños, ademais doutras obras de acondicionamento no propio edificio como a limpeza dos muros e reparacións puntuais de carpintería, entre outras.