Skip to main content
ActualidadeBurela

Llano pide responsabilidade á poboación para evitar a expansión da covid-19

Por 5 Novembro, 2020Sin comentarios

O alcalde, Alfredo Llano, pide responsabilidade á poboación de Burela para evitar a expansión do covid e para normalizar o antes posible a situación sanitaria e a economía local. Hoxe tivo lugar unha xuntanza no Concello para analizar as restricións da Xunta que entrarán en vigor na madrugada do vindeiro sábado. 

O rexedor dixo que “xa é coñecida a nova resolución da Xunta de Galicia con respecto á aplicación de restricións para loitar contra a pandemia en 60 concellos, e nós somos un deles. Isto, que saíu hoxe publicado no DOG, vai ser de aplicación a partir das 0 horas do sábado. Entón nós tivemos unha reunión hoxe no Concello con responsables de todo tipo (técnicos, políticos e da Policía) para establecer os criterios e analizar como nos afecta esta nova normativa que se aplicará, se non cambian as circunstancias antes, ata principios de decembro”.

Llano explicou que “aquí tomamos as cousas con responsabilidade e todos temos claro que o obxectivo único é rematar coa pandemia para ter seguridade sanitaria. E temos moi en conta que debemos preocuparnos de actuar con responsabilidade para tratar de evitar todo o posible que se favoreza o contaxio do virus porque necesitamos normalizar a situación sanitaria, que é importantísima e dela depende todo, pero tamén a cuestión socioeconómica, que tamén é fundamental”.

O alcalde engadiu: “polo tanto traballando, como xa temos feito outras veces en Burela, todos ao mesmo tempo con ese único obxectivo, penso que vai dar resultados positivos rapidamente. Iso é fundamental para normalizar o antes posible a situación no noso concello”.