Skip to main content
Lugo

Comeza a renovación do alumeado da Fonte dos Ranchos

Por 30 Xaneiro, 2021Xaneiro 31st, 2021Sin comentarios

O vindeiro luns, 1 de febreiro, comezarán os traballos para a renovación da iluminación da Fonte dos Ranchos, da rúa Doutor Ochoa e do primeiro treito da avenida das Américas, ata o cruce coa rúa Ameneiro.

O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, asegura que “este investimento permitirá aforrar mensualmente no consumo eléctrico, avanzando cara a unha cidade máis ecolóxica, e tamén nos recursos dedicados ao mantemento, xa que se renovará toda a instalación”.

A actuación licitouse por 268.934€ e un prazo de execución de 3 meses. Os traballos suporán a renovación de máis de 60 luminarias, “o que permitirá unha redución de ata o 50 por cento do consumo eléctrico con respecto ao actual, cumprindo igualmente con todas as indicacións do regulamento de eficiencia enerxética para alumeado exterior”, segundo Arroxo.

O tenente de alcalde lembrou que no último ano e medio “realizamos un investimento de 2.450.000 de euros adicado á renovación do alumeado público da cidade, substituíndo elementos contaminantes utilizados nas instalacións antigas, como luminarias de vapor de mercurio, por luminarias LED de baixo consumo enerxético”.

Arroxo explicou que “a mellora do alumeado aumentará tamén a visibilidade e a seguridade da veciñanza da contorna”, e lembrou que “tratamos de realizar intervencións nos distintos barrios para que o mantemento de toda a cidade avance de maneira uniforme, planificando actuacións a partir das solicitudes veciñais e das visitas aos distintos barrios”.