Skip to main content
ActualidadeO Vicedo

A Xunta mellora a iluminación do porto do Vicedo

Por 11 Xaneiro, 2021Febreiro 19th, 2021Sin comentarios

A Xunta mellora a iluminación do porto do VicedoA Consellería do Mar vén de rematar as obras de mellora da iluminación do porto do Vicedo, que supuxeron a introdución de máis puntos de luz e de tecnoloxía LED, un modelo que incrementa o rendemento lumínico e a eficiencia no gasto enerxético.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o porto acompañado polo alcalde, Jesús Novo, e explicou que esta actuación achega maior seguridade tanto para o acceso peonil e rodado como para a circulación dentro da dársena.

A Consellería investiu preto de 20.000 euros no proxecto para dar resposta á solicitude formulada tanto pola Confraría de pescadores do Vicedo como polos propios usuarios do porto. As obras, executadas a través de Portos de Galicia, consistiron na ampliación dos puntos de luz instalando na explanada da entrada catro báculos de 9 metros de altura para instalación de luminarias LED de 100 vatios.

Igualmente, realizáronse traballos de ampliación e mellora dos proxectores de 300 vatios LED nas torretas de 20 metros situadas na dársena, e tamén se renovaron as luminarias na fachada dos departamentos, substituíndo os puntos de luz de cada porta por proxectores de 50 vatios. Así mesmo, foi preciso ampliar a rede de abastecemento eléctrico e incorporar unha canle composta por unha tubaxe ríxida dende a conexión do concello.

Arias subliñou o compromiso da Xunta co sector pesqueiro e, en concreto, coa modernización e mellora das instalacións portuarias, “conscientes de que, como ocorre no Vicedo, teñen unha importancia non só económica senón tamén social para a veciñanza”, afirmou.