Skip to main content
Cervo

O Concello de Cervo exime á hostalaría do pago das taxas un ano

Por 24 Febreiro, 2021Sin comentarios

O Concello de Cervo eximirá á hostalería do pago dos recibos da auga (asumindo tamén o canon autonómico da mesma), do lixo, do saneamento e das terrazas durante un ano.

Así o anunciaron no día de hoxe o rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Facenda, Dolores García Caramés, que explicaron que “levamos tempo traballando co servizo de intervención e tesourería para buscar a fórmula para poder botarlle unha man a este sector que é un dos máis damnificados pola crise sanitaria, e que sufriu e segue a sufrir en primeira persoa as restricións e limitacións derivadas da crise sanitaria”.

Tal e como precisan “levamos un ano de pandemia, case 12 meses nos que a nosa vida cambiou de xeito radical; o que afectou de maneira especialmente sensible ao sector da hostalería e da restauración que tivo que asumir sucesivos peches e continuas modificacións adaptando a súa maneira de traballar”.

O 2020 foi un ano nefasto, e neste 2021 no que agardamos pouco a pouco poder ir recuperando unha certa normalidade; “coa exención destas taxas o que pretendemos é  botar unha man a este sector, contribuíndo así ao impulso dunha actividade económica fundamental no noso municipio”.

A edil e o rexedor recordaron que durante o 2020 xa se foron tomando medidas nesta liña para axudar ao sector na medida do posible “non se cobrou a taxa do lixo desde mediados de marzo e ata que se levantou a obriga de peche aló polo mes de maio;  tamén se facilitou a ampliación das terrazas nos espazos públicos sempre que foi posible; e desde o 15 de marzo non se emitiu ningún recibo pola ocupación da vía pública”.

A modificación das ordenanzas para poder suprimir o cobro destas taxas durante un ano será levada a pleno “e contamos que antes do verán poida xa estar en vigor”. Por esixencias normativas, a partir desa data, con carácter bimensual, emitiranse recibos por un valor absolutamente simbólico de ao redor dun euro.

Esta axuda súmase ao plan de reactivación económica e social dirixido a todas as persoas autónomas do Concello que se puxo en marcha no pasado exercicio.