Skip to main content
Lugo

Novas actividades para previr o consumo de drogas entre os mozos en Lugo

Por 1 Febreiro, 2021Sin comentarios

A área de Xuventude do Concello de Lugo vén de presentar unha programación dirixida á prevención das drogodependencias e outras adiccións entre a mocidade, facendo fincapé nos hábitos, valores e actitudes. Trátase de novas actividades formativas para un ocio saudable enmarcadas no programa +Xti, organizado polo Concello e subvencionado polo Plan Nacional de Drogas.

A programación dará comezo o vindeiro sábado 6 de febreiro, e haberá actividades todos os sábados ata o 29 de maio en horario de 10.00 h a 14.00 horas. Ao principio as actividades levaranse a cabo vía online, con contidos de índole máis teórico, a modo de presentación-observación.

No mes de febreiro desenvolverase un taller de actividade física, adestramento e hábitos saudables, no que ademais se analizarán as rutinas alimenticias, físicas e deportivas de cada unha das persoas inscritas. A partires de aí, sempre e cando as condicións sanitarias o permitan, as sesións trasladaranse á Praza do Castiñeiro, no barrio de Lamas de Prado.

A programación prevista complétase con obradoiros deportivos; rutas literarias centradas no autor Ricardo Carvalho e nas autoras María Reimóndez e Rosalía de Castro así como nos monumentos da Praza Maior; e roteiros de sendeirismo polo río Rato, as ribeiras altas do Miño, o Monte Segade ou a ruta das Chousas.

Dende a área de Xuventude explican que entre os obxectivos do programa salientan a integración da mocidade a partir de novos e innovadores espazos, pular pola socialización grupal asumindo actitudes de responsabilidade, solidariedade e respecto, e recoñecer as habilidades individuais.

Os mozos e mozas, de entre 12 e 18 anos, que desexen participar poden inscribirse enviando un correo electrónico a maisporti2020@lugo.gal, indicando o seu nome, apelidos, idade e DNI.