Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo recibe o tramo de San Eufrasio onde irá a rotonda

Por 10 Febreiro, 2021Sin comentarios

Plano da glorieta proxectada

O Concello de Lugo asinaba este martes a recepción do tramo da estrada LU-530 comprendido entre San Eufrasio e o paseo do Rato, despois de recibir o documento da cesión por parte da Xunta de Galicia, que confirmaba o cambio de titularidade en outubro do ano pasado. Trátase dun tramo de 855 metros de lonxitude, no que o Concello ten proxectado construir unha rotonda, co fin de mellorar a seguridade do tráfico na contorna.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, lembra que “trátase dunha estrada convencional con beirarrúas en ambas as marxes e un carril por sentido, aínda que, por zonas, conta cunha liña de estacionamento. Debido á súa topografía só permitía como única solución a creación dunha glorieta”, explica.

Durante a redacción do proxecto de obra realizáronse estudos para comparar a situación actual e a alternativa da rotonda, medindo tempos de viaxe, de espera, cola media de vehículos, número de paradas e tempo total das mesmas, que coa nova infraestrutura “diminuirán case por completo”.

PUNTO NEGRO

O tramo urbano da LU-530 que vén de recibir o Concello de Lugo, era ata agora a vía autonómica con maior volume de tráfico na provincia. O vial adoita empregarse como un corredor norte– sur polo lado leste da cidade, por ser un dos accesos preferentes ao HULA. Segundo a rexedora, a nova glorieta servirá “para eliminar os distintos xiros á esquerda que se teñen que realizar actualmente segundo o itinerario a seguir, e aumentará a distancia de visibilidade, que agora é inferior á de cruce, o que, en conxunto, mellorará a seguridade viaria nas inmediacións eliminándose, así, un dos principais puntos negros da capital”.

“Esta actuación será transcendental no presente, xa que terá repercusións moi positivas para os desprazamentos e a mobilidade local, ao tempo que tamén contribúe a construír o Lugo do futuro no que a funcionalidade, a sostibilidade e o patrimonio deben camiñar da man”, concluíu Lara Méndez.