Skip to main content
Lugo

Ciencias estrea catro aulas para os estudantes de Bioquímica

Por 19 Febreiro, 2021Sin comentarios

A facultade de Ciencias do Campus de Lugo vén de remodelar o espazo nos antigos laboratorios para dar cabida ao alumnado do grao de Bioquímica, unha titulación implantada no presente curso cunha grande demanda.

Con esta actuación, a facultade contará con novos espazos e o seu correspondente equipamento informático e tecnolóxico ao longo de catro novas aulas, coas que se atenderán as necesidades do alumnado de Bioquímica. O reitor da USC, Antonio López, que visitou este xoves as instalacións, salientou que a ampliación de infraestruturas dá proba do “fondo compromiso” do goberno da USC co campus lucense, ao tempo que “impulsa e consolida” á facultade de Ciencias nun eido de futuro como é o da Bioquímica.

O reitor da USC visitou as instalacións

Antonio López salientou a celeridade das obras e o carácter ambicioso da actuación. “A previsión inicial era habilitar unha aula para o alumnado de primeiro curso, pero ao final, logo dunha importante inversión, puidemos acondicionar catro novos espazos docentes, cada un deles con capacidade para 80 alumnos”.

O decano da Facultade de Ciencias, Francisco José Fraga López, indicou que as novas aulas, coas que a USC soluciona as necesidades de espazos e instalacións derivadas da implantación do título de grao en Bioquímica, “redundarán en beneficio do alumnado e da propia actividade docente e de I+D”.

Fraga  comentou asemade que, na actual conxuntura sociosanitaria derivada da pandemia causada pola COVID-19, a disposición destes espazos permitirá á Facultade de Ciencias incrementar o grao de docencia presencial entre o alumnado do título de grao en Nutrición Humana e Dietética que este curso estaba a recibir formación en liña.