Skip to main content
Monterroso

Monterroso instará a Fomento a realizar melloras na N-640

Por 25 Febreiro, 2021Febreiro 26th, 2021Sin comentarios

O Concello de Monterroso instará ao Ministerio de Fomento a realizar traballos de mellora na estrada N-640 ao seu paso polo municipio. O pleno, reunido esta semana, aprobou esta proposta que presentara o goberno bipartito, formado por Independentes de Monterroso e o Partido Popular. PSOE e CxG votaron tamén a favor, mentras que o concelleiro non adscrito abstívose na votación.

Deste xeito, o goberno local instará a Fomento, como titular da vía, a levar a cabo unha serie de actuacións que pasarían por mellorar o firme, habilitar máis pasos de peóns e acondicionar a rotonda do polígono industrial. Piden, de igual xeito, que se dote á N-640 dun carril bici que chegue ata O Vilar e Fontepedriña.

Imaxe do pleno de Monterroso, celebrado vía telemática

O pleno aprobou tamén, neste caso por unanimidade, unha moción do grupo socialista para a reactivación e posta en marcha dos servizos sociais do Concello, limitados nas últimas semanas pola actual situación sanitaria. Neste senso, solicitábase a reapertura do centro de día e a recuperación do horario completo do Servizo de Axuda no Fogar, ademais da tramitación para converter a vivenda municipal en fogar residencial.

LEMAS PARA O TURISMO

Noutra orde de cousas, o pleno aprobou rexistrar na Oficina española de Patentes e Marcas os lemas ‘Monterroso, sen ir máis lonxe’ e ‘Monterroso, vila das feiras’, para a promoción turística do concello.