Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXADeportes LUGOXADeportes TERRACHÁXA

“Este ano superamos as 100 fichas, por primeira vez na historia do club”

Por 23 Febreiro, 2021Febreiro 24th, 2021Sin comentarios

Diego Pardeiro, Director Deportivo do CD Castro, fala do 40 aniversario do club e de como están a afrontar esta estraña tempada

O Club Deportivo Castro cumpriu no pasado ano 2020, 40 anos dende a súa fundación. A situación sanitaria pola covid19 non deixou sitio para moitos festexos, pero malia isto non quixeron pasar por alto o seu aniversario. Diego Pardeiro, Director Deportivo da institución deportiva e máis xogador nas filas do conxunto sénior, conta como puideron conmemorar a sinalada data e como se encontra actualmente o club.

O club acaba de cumprir 40 anos.

Si, no 2020. Nos anos 70 o Castro comezou a xogar na Liga de Inverno e dez anos despois, nos 80 federouse. Para celebrar o 40 aniversario sacamos unhas equipacións novas, tiñamos pesado facer un partido homenaxe na pretempada e varias cousas mais pero a dia de hoxe non se poden facer. O patrocinador principal portouse moi ben coma sempre e entraron tres patrocinadores máis.

Como recordas os derradeiros anos do club?

A mellor época recente do club foi no 2016, cando ascendemos a terceira división. Despois pasamos unha época dura, porque descendemos e o club estaba danado. Agora mesmo o club está nun bo momento, economicamente está saneado e a directiva ten moita ilusión e gañas. Deportivamente tamén melloramos moito dende o ano pasado a este, tanto na base como no primeiro equipo, onde aspiramos a chegar a preferente, que é a categoría na que nos creemos que deberíamos estar.

Xogadores do club coa nova equipación

E agora, como estades a vivir a realidade coa pandemia?

Malia a emerxencia sanitaria e da difícil situación na que se encontra agora o deporte conseguimos elevar moito o número que licencias. O ano pasado tiñamos sobre 70 e agora mesmo superamos as 100 fichas, a primeira vez na historia do club que se consigue ese número de licencias federativas. Sendo este ano tan complicado, conseguimos formar un grupo benxamín, ademais de manter os equipos nas categorías que xa tiñamos: alevín, infantil, cadete, xuvenil e sénior.

Estades adestrando?

Como dicían que íamos xogar empezamos a preparar a pretempada, a base leva adestrando dende setembro e non pararon ata xaneiro cando a Xunta decidiu parar toda a actividade deportiva. Para o mes de marzo poderemos volver adestrar e incluso a Federación nos comunicou que a base podería competir, non se sabe de que modo, porque a tempada como estaba organizada no se fará, pero algo queren facer e nos encantados. Os sénior tamén estiveron adestrando malia que a Federación tomara a decisión de que non habería competición, nos queríamos competir. Somos 25 formando o banco e, de forma voluntaria, estaban acudindo sobre 20 xogadores aos adestramentos dende diferentes puntos de Lugo dous dias á semana. Sen ter previsto competición, non é algo que tódolos clubs poidan dicir. E se tamén poder volver adestrar como a base, tamén o faremos.

Como levásedes a implantación dos protocolos hixiénico-sanitarios?

No club tivemos só dous casos positivos que viñeron do colexio, pero os contaxios non foron a máis. Dende o primeiro momento comezamos a aplicar o protocolo tal e como se marcou. Miramos a temperatura dos rapaces, desinfección das zonas e materiais, desinfección do calzado… O peor que levan os pequenos e non poder ducharse nas instalacións. Os días de choiva teñen que ir para a casa mollados e con frío, pero todos seguiron os protocolos. Dende os mais pequenos aos mais maiores pórtanse moi ben.

Se se pode, tomaredes a decisión de competir?

Os rapaces levan adestrando seis meses e teñen gañas de competir. O que si que faremos será consultalo antes cos pais, loxicamente teñen que ser os que decidan se os nenos xogan ou non. Estaban moi contentos de que puideran adestrar porque o deporte é fundamental para os pequenos, pero á hora de xogar quizais haberá máis medo. No momento dado que anuncien finalmente se hai competición, falaremos con eles para que decidan o que queren facer.

Cal é o papel do club no eido deportivo de Castro?

Somos o club con mais licencias do Concello, a maioría de nenos que fan deporte o fan no noso club. Tamén temos pequenos de Cospeito, Pol, A Pastoriza…

Ademais do fútbol tamén temos baloncesto e fútbol sala, o fútbol sala feminino está crecendo moito nas derradeiras tempadas. Moitos rapaces, ademais, compaxinan varias disciplinas. Nestes 40 anos sempre tivemos un papel fundamental no deporte de Castro.

É importante a axuda que vos ofrece o Concello?

Temos un apoio do Concello absoluto, agora mesmo estanse facendo ás obras para o campo de herba artificial, que o financiaron dende o Concello, a Xunta e a Deputación. É algo que nos fai moita falla porque só temos o campo de herba natural e non nos chega para tódalas categorías. Agora mesmo estámonos desprazando a Cospeito para poder adestrar. Esperamos que para o verán este rematado, xa que é a data prevista. Ademais temos a subvención directa da Concellería de Deportes e apoiáronnos en todo cando tivemos que adaptar o estadio aos protocolos hixiénico-sanitarios pola pandemia.