Skip to main content
AlfozComarca AMARIÑAXACultura AMARIÑAXA

Alberto Geada, zoqueiro: Énfase en elevar a tradición ao máis alto

Por 22 Marzo, 2021Decembro 18th, 2023Sin comentarios

Alberto Geada, o derradeiro zoqueiro da provincia, loita por converter o seu oficio en patrimonio cultural inmaterial de Galicia.

O zoqueiro traballando ante unha mostra das súas pezas

Por Claudia López

A zoca tradicional acompañou durante séculos a galegos e galegas por aqueles camiños de terra nos que a súa madeira lles protexía da humidade e do frío.   Na actualidade, a súa renovación failles aparecer en pasarelas,  cine ou danzas, converténdose nun ben cultural e artístico da comunidade. Alberto Geada traballa para que este calzado non perda valor no tempo. O mariñao é o derradeiro zoqueiro da provincia, unha profesión que lle ven de familia: “O meu pai dedicouse toda a vida a facer zocas e eu vinme na necesidade de seguir co oficio, porque senón quedaría no esquecemento”.

Para o artesán, é clave que as administracións locais loiten por conservar o seu patrimonio cultural, “intentei buscar diferentes vías de promoción e fun bastante afortunado porque sempre tiven boa relación cos Concellos. Son verdadeiramente motores de inicio e arrinque, deben estar ao tanto de se hai alguén que este a facer un traballo tradicional e darlle tódolos recursos para que iso siga cara adiante”.

Geada leva dende os 16 anos recuperando pezas e ferramentas para reactivar a labor, “as técnicas antigas de traballo estaban practicamente perdidas, agora hai que utilizar esa maxia para innovalas. Antes non había outro calzado, andabas en zocas ou descalzo. Na actualidade hai que conseguir adaptalas á vida, convertelas nunha obra de arte, un produto prestixioso da cultura tradicional”.  Para conseguilo, Alberto está inmerso nun proxecto ambicioso no que conta con asesoramento xurídico: pretende conseguir o recoñecemento de patrimonio cultural inmaterial de Galicia para a profesión de zoqueiro. “Conto cun avogado que me está axudando a facer os trámites, miramos a solicitude e estivemos falando coa xente de Cultura que nos está informando. Estamos completando o papeleo e isto vai para adiante”.

Alberto Geada, cunha zoca de caña

Un proxecto moi ambicioso e importante de cara á conservación da tradición e cultura galega, para o que están a pedir apoios, “atopámonos na procura dun patrocinador, eu traballo de maneira altruísta e esa axuda permitiríanos acudir a promocións por todo o mundo. Gustaríame poñer as zocas no punto máis alto que se poida, o meu traballo é observado dende Europa por países como Holanda e Francia e en América Latina”. Dende varias rexións latinoamericanas a Geada propúxoselle facer unha xira polos lugares que gardan estreita relación con Galicia, e aínda que todo se parou pola pandemia, confía en que “dentro de tódalas cousas malas sempre sae algo bo . Agora a sociedade está collendo un ritmo diferente de vida espero que isto axude a reactivar sectores que estaban apagados”.

Recentemente o zoqueiro da provincia recuperou unha zoca de caña en A Pontenova, “é unha zoca estupenda, estiven buscándoa durante moito tempo. Foi moi importante para a pesca, é a catiúsca ou bota de goma primitiva. Utilizábase, como agora, para que non entrara auga”. Esta e moitas outras zocas poderanse atopar na súa exposición en Mondoñedo na que a entrada agora mesmo é gratuíta. “No museo atópanse os modelos máis importantes de Galicia, todos e cada un dos modelos teñen moita historia, contan a vida dos límites xeográficos do territorio. O edificio no que se atopa o museo é impresionante, un antigo palacio do século XVIII. Nel poderanse ver varias exposicións, a sala das zocas, a do calzado de madeira internacional e a de novas creacións. Calquera persoa que queira visitalo pode contactar comigo ou pedir información na oficina de turismo de Mondoñedo. Está aberto tódolos días polas mañás e está acondicionado para que poida acceder todo o mundo”.