Skip to main content
Burela

Burela prepara para setembro o Plan de Acción polo Clima

Por 6 Marzo, 2021Marzo 7th, 2021Sin comentarios

Burela prepara o seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible. Os técnicos de Medio Ambiente agardan ter listo o borrador o vindeiro mes de setembro. O obxectivo que persigue é minimizar o impacto do cambio climático no municipio.

Xacobo Casal, técnico municipal de Xestión de Medio Ambiente, explica que “é un compromiso que se adquire unha vez que se subscribe o Pacto dos Alcaldes polo Clima. Do que se trata é de establecer unha valoración analítica da situación tanto desde o punto de vista da eficiencia enerxética a nivel municipal como desde o punto de vista da incidencia climática para despois implementar a través dese plan unha serie de accións para facer fronte a todas as realidades que están a incidir no cambio climático”.

Casal conta que “as autoridades locais o que fan é comprometerse a realizar este Plan de Acción nun período de dous anos desde que se subscribe o Pacto dos Alcaldes. No caso de Burela iso ocorreu o 30 de abril de 2020. O goberno municipal decidiu que se realizase a través de medios propios, porque quere facer un documento que responda aos criterios e requisitos que establece o Pacto dos Alcaldes, pero quere dar un paso máis aló facendo un documento estratéxico e exhaustivo que sexa a guía durante o período 2020-2030 para o conxunto do concello de cara a acadar os obxectivos establecidos con carácter xeral pola Axenda 20-30”.

E engade que “o Plan estase coordinando desde a Concellería de Medio Ambiente, liderada por Toñi Eijo, e estámolo a desenvolver tanto eu como técnico de Xestión de Medio Ambiente como un bolseiro en prácticas que temos con nós, que é graduado en Enxeñería de Montes e que está especializándose en temas medio ambientais e está a facer aquí unhas prácticas tanto académicas como extra curriculares, a través das que vai desenvolver todo o seu coñecemento centrado neste Plan de Acción”.

Pola súa banda, Cristian Pérez, o bolseiro que está a traballar no Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible do Concello de Burela sinala que “se trata dun plan que nos permita avanzar cara a sostibilidade de Burela mediante a busca dunhas medidas que se consideren efectivas e que actúen na mitigación contra o cambio climático, seguindo os criterios que se adecúen ao propio municipio. O plan comprende estratexias e accións de mellora nos ámbitos enerxético e ambiental e pretendemos facer un nexo co ámbito económico e social”.

Pérez quixo “agradecer á institución a posibilidade que me brindou para adquirir coñecementos paralelos que vinculan o Máster que estou a cursar coa materia de Medio Ambiente que busca ser respectuosa co medio ambiente e que comprende distintos vectores ambientais sobre os que se centra o meu estudo, neste caso auga, residuos, emisións de gases de efecto invernadoiro e contaminación acústica e lumínica. Tamén tiven a sorte de contar cun titor, que é técnico xurídico e que me axudará a complementar a miña formación en aspectos máis normativos, aspecto onde os técnicos temos mais carencias”.

Sobre os obxectivos do Paces indica que “ademais dos obxectivos xenéricos que se recomenda desde a Unión Europea como son o inventario de emisións de gases de efecto invernadoiro vaise plantexar un plan de minimización ou de descarbonización do CO2, a partir dun estudo de redución de gases por sectores económicos. Vamos contemplar o sector doméstico, o industrial, o terciario, o residual e o de transportes. E ademais centrarémonos nuns obxectivos específicos en relación co propio municipio, que serían de eficiencia enerxética en ámbitos de dominio público, tratando de minimizar un impacto importante no medio ambiente e valorar a produción de enerxía a partir de recursos propios endóxenos como poden ser as enerxías renovables que se comprendan dentro do concello. Tamén trataremos de minimizar e xestionar, ata onde sexa posible, o tema de augas e de residuos en favor dunha economía circular e de facer unha análise e viabilidade técnico ambiental, económica e social dos sectores do propio municipio. Xa estamos a desenrolar propostas de recuperación e rexeneración de zonas ambientais mediante a implantación de árbores frondosas autóctonas. E vaise plantexar unha alternativa de ordenación e territorios sostibles. E un dos puntos máis importantes, e que queremos facer chegar á cidadanía, é que queremos integralos, conciencialos, sensibilizalos e favorecer a participación cidadá”.

A concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, agarda que “o borrador estea listo en setembro para sometelo á consideración dos sectores económicos, sociais e políticos para que presenten as súas achegas  e que sexa un documento de consenso, útil e realizable”. Xacobo Casal di: “queremos que sexa un traxe que se axuste ás verdadeiras necesidades de Burela, que sexa realista e que se acaden eses obxectivos con accións prácticas”. Despois da tramitación administrativa será sometido á aprobación do pleno do Concello.

A concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, agarda que “antes de finais de ano o PACES sexan unha realidade” e lembra que “o límite máximo para telo listo é abril de 2022, pero tentaremos non esgotar o prazo”.

O alcalde burelés, Alfredo Llano, manifesta que “neste Plan de Acción queremos abarcar temas como a xestión integral da auga, a do aire, a actividade socioeconómica e o tratamento de lixo, creo que abarcamos un espectro moi grande co único propósito de que no seu conxunto o concello de Burela se vexa moi mellorado, sobre todo en temas de medio ambiente. Haberá medidas a curto, medio e longo prazo. Entendo que no seu conxunto debe ser algo moi bo para o noso concello”.

Eijo subliña que “seguimos coa plantación de árbores frondosas autóctonas por Burela, tal e como fixemos nas inmediacións do Concello e no Monte Caselo hai unhas semanas, estamos a seguir agora por localizacións como a Vila do Medio. Trátase dunha medida importante, que tamén se enmarca neste Pacto polo Clima. E cos nosos obradoiros estamos a levar adiante un intenso traballo de mellora dos parques de Burela”.