Skip to main content
BurelaDeportes AMARIÑAXA

O Porta Norte asina a súa mellor marca nun Campionato Nacional

Por 30 Marzo, 2021Marzo 31st, 2021Sin comentarios

A escola de ximnasia rítmica logrou acadar a decimosétima posición na competición estatal co seu conxunto de cinco cintas, proclamándose as mellores de Galicia.

A Escola de ximnasia rítmica Porta Norte leva quince anos formando, adestrando e competindo con deportistas da Mariña en tódolos niveis, dende categorías escolares a nacionais. Este ano, malia tódalas dificultades vividas pola Covid, están de parabén. O seu conxunto xuvenil formado por María Lestao, María Valcárcel, Daniela Enríquez, Carla Enríquez e Elisa Fraga lograron poñerse en décimo sétima posición no Campionato de España correspondente a tempada de 2020.

As de Burela foron as únicas representantes da provincia de Lugo nesta competición celebrada en Alfafar, na que participaron tras acadar o segundo posto no autonómico. Esta vez, foron elas as mellor clasificadas de Galicia alcanzando un total de 9,350 puntos, deixando atrás ao As Triscas B, Ausarta, Compostela e As Triscas A. A

demais, fixeron a mellor marca que conseguiu o club mariñao nun campionato nacional ata agora. No seu conxunto de cinco cintas habíanse posto moitas esperanzas, xa que que puideron participar nunha competición a nivel estatal celebrada en liña antes da devandita cita e lograron o quinto lugar na clasificación. Finalmente, os resultados chegaron.

Este equipo leva competindo dende que as ximnastas teñen cinco anos, excepto unha das nenas que se incorporou hai catro anos ao conxunto, pero xa estaba no club. Participan en Campionatos de España dende a categoría benxamín, polo que o pisar un tapiz nacional é xa algo habitual para elas.

Nelly Bouso é a directora técnica do Porta Norte, ela encargase de repartir o traballo no club, decidir os niveis das nenas e tamén se fai cargo da súa preparación física e técnica. Recorda que fundou a escola despois de que “o club Elfe, onde eu era ximnasta, desaparecera” e conta como viu algo especial nestas nenas que a motivou  a “xuntalas dende pequenas para facer conxunto”.

A ex-ximnasta explica que “manter un conxunto deste nivel nun sitio onde non hai tradición deste deporte é moi difícil, porque son moitas horas e moita esixencia e hai abandonos”. Nelly forma corpo técnico con Cristina Piñeiro, encargada de facer as coreografías dos conxuntos, e Carla Valledor, que se ocupa de formar ás nenas máis pequenas.

A situación pola pandemia fíxolles adaptarse ás circunstancias pero agora din estar feitas “unhas expertas no adestramento en liña, xa o facemos case igual dende a casa que no pavillón”. No caso do conxunto xuvenil e no resto de categorías de base combinan tres adestramentos presenciais con dous a través de recursos en liña, “na casa fan traballo máis físico, pequenos elementos técnicos e de flexibilidade. No pavillón o manexo dos aparellos. Normalmente o quecemento levaríanos facelo unha hora, na rítmica hai que quentar dende a punta do pelo á dos pés, e agora acelerámolo para poder aproveitar o tempo cos aparellos”.

O vindeiro mes as cinco ximnastas volverán competir no campionato autonómico para tentar clasificarse de novo para o nacional de 2021, aínda que este ano os obxectivos do club en xeral non van tan dirixidos á competición coma noutras ocasións, “pasamos de ter 150 nenas a traballar agora mesmo con 73, o obxectivo é que a escola continúe cara adiante, que poidamos seguir adestrando e que as pequenas poidan seguir facendo rítmica”. A competición escolar ten formulado un calendario provisional de competición, “pero todo se vai modificando en función da situación e aínda non se puido facer nada. Nos tratamos de adestrar a través de xogos ata os 10 ou 11 anos, facer agora as cousas o máis variadas e divertidas posibles, porque ao non poder estar en contacto é difícil. Elas tamén combinan dúas clases no pavillón e mínimo unha na casa. As menores de oito anos non fan adestramento en liña, procuramos que veñan ao pavillón dous días á semana”.

Malia que todo mudou e a competición estase a atrasar por mor da situación sanitaria, Nelly sinala que o nivel de Galicia no mundo da rítmica cada vez “está chegando máis arriba” e que este deporte estase a facer “pouco a pouco un oco no eido deportivo, malia que parece que as ximnastas sempre temos que loitar moito para conseguilo. Outros deportes son visibles facilmente sen esforzo, nós parece que sempre temos que ter un bo resultado para selo”.