Skip to main content
Cervo

Cervo realiza un control ecolóxico do Paseo dos Namorados

Por 12 Marzo, 2021Sin comentarios

O Concello de Cervo está a realizar estes días tarefas de control e eliminación da Acacia Melanoxylon, unha especie procedente do sueste de Australia e Tasmania altamente invasora e que representa unha ameaza para a biodiversidade e a paisaxe galegas.

A edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, achegouse ata a contorna do Paseo dos Namorados onde se están a levar a cabo estas tarefas, para coñecer de primeira man o proceso que consiste no control da  acacia “a través dun método ecolóxico consistente en eliminar a casca dende o chan ata aproximadamente 1,5 metros de altura”.

O que se busca con este proceso é entorpecer os sistemas de transporte de nutrientes da árbore, de xeito que o zume elaborado non poda circular pola planta e chegar á raíz. Como consecuencia tanto a raíz como os demais órganos da planta secarán.

Nas últimas semanas, actuouse sobre máis de 200 acacias detectadas no espazo natural de Sargadelos, que proliferan dada a súa gran capacidade de adaptación ás condición climáticas que fai que está especie estea actualmente descontrolada.

A gran capacidade invasora desta árbore débese a varios factores como pode ser a súa capacidade de rexeneración, a alta efectividade na dispersión e xerminación de sementes ou o seu poder para eliminar potenciais competidores baixo a súa copa ao liberar substancias que inhiben o seu crecemento.