Skip to main content
Trabada

A Xunta aproba de forma inicial o Plan básico municipal do concello de Trabada

Por 25 Marzo, 2021Sin comentarios

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aprobou inicialmente o Plan Básico Municipal (PBM) de Trabada, que se converte deste xeito no terceiro concello da provincia de Lugo e no quinto de Galicia que supera este trámite e segue avanzando para dotarse dun novo instrumento de ordenación, previsto na Lei do solo de 2016.

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse coa alcaldesa de Trabada, Mayra García, para notificarlle a sinatura da orde de aprobación inicial do PBM, unha ferramenta pensada para que os concellos de menos de 5.000 habitantes e sen planeamento xeral -37 en toda Galicia- poidan desenvolver certa actividade urbanística pero sen establecer criterios de crecemento urbano.

Cómpre lembrar que para axudar e motivar a estes municipios a tramitar un plan básico, a Xunta decidiu asumir directamente a redacción do primeiro, o do Concello do Páramo, ademais de colaborar técnica e economicamente con outros oito concellos, que xa teñen nestes momentos moi avanzada a tramitación dos seus respectivos PBM (Ribeira de Piquín, Riotorto, Cartelle, Padrenda, Porqueira, Triacastela, San Xoán de Río e Trabada).

Deste primeiro grupo de municipios, Trabada é o terceiro que acada a aprobación inicial da Xunta na provincia de Lugo e o quinto de Galicia (despois do Páramo, Triacastela, San Xoán de Río e Cartelle), dando así un paso importante de cara a poder dotarse dun marco propio en materia urbanística.

SOLO URBANO E NÚCLEOS RURAIS

Este PBM clasifica como solo urbano o núcleo de Trabada, que ostenta a capitalidade do concello ademais de ser o principal e máis poboado, onde se sitúa a casa consistorial así como outros edificios administrativos e de servizos, con tecido de malla urbana e que cumpre cos criterios legais esixidos na Lei do solo para o solo urbano.

Tamén delimita 53 núcleos rurais dun total de 133 asentamentos de poboación identificados polo Plan Básico Autonómico, polo que 73 destes asentamentos quedan en solo rústico ao non preverse o seu crecemento, primando a rehabilitación das edificacións existentes.

O plan aprobado inicialmente tamén recolle as dotacións existentes no termo municipal e, ademais, identifica e cataloga os elementos do patrimonio cultural e natural de Trabada.

Concretamente, no documento catalóganse 21 elementos arqueolóxicos, 24 de tipo arqueolóxico, 14 etnográficos, 1 territorio histórico e 1 artístico.

MAYRA GARCÍA

A alcaldes aproveitou a ocasión para facer unha lembraza sobre o inicio do proceso:

“Hoxe é un dia importante na traxectoria urbanística do Concello de Trabada, xa que a aprobación inicial do plan básico municipal é un gran paso que marcará un antes e un despois na Historia do noso Concello e que nos permitirá ordenar o noso territorio.

A partir de agora, a través da aprobación do Plan Básico Municipal  imos a ordenar o noso territorio e apostar por un urbanismo responsable na nosa vila. Unha ferramenta necesaria, pero sobre todo un documento respectuoso co futuro deste Concello.

O 13 de xuño de 2015 tomei posesión como alcaldesa deste pobo, e o 8 de febreiro do 2016 mantiven a primeira das dez reunións informativas que organizamos nas parroquias do concello coa fin de dar a coñecer a delimitación dos núcleos municipais que se establecían no documento previo á aprobación definitiva do PXOM. Un documento iniciado alá polo ano 2003, pero que pasados 12 anos estaban aínda nunha fase moi primaria e  inicial.

Dende un principio, tiñamos moi claro que era prioritario poñer orde urbanístico dentro do noso territorio, a través dun urbanismo responsable e seguro, e sobre todo, un urbanismo que dera resposta ao desenvolvemento ordenado da vila. Por iso, o 15 de marzo de 2017, aprobamos no Pleno da Corporación a Proposta de Alcaldía para solicitar á Consellería de Medio Ambiente a redacción do Plan Básico Municipal do Concello de Trabada.

Catro anos máis tarde, estamos aquí, cos deberes feitos, e orgullosos do traballo feito ata hoxe. Ao longo desta etapa traballamos cóbado con cóbado coa Administración Autonómica para poder contar cun planeamento que ofreza garantías de desenvolvemento e crecemento ordenado do pobo, é polo que agradezo a colaboración do equipo que dirixe a Directora Xeral de Urbanismo e lle solicito o seu apoio nesta última etapa.

Nas vindeiras datas e ao longo de dous meses realizaremos unha exposición pública deste Plan, unha fase fundamental para que os veciños e veciñas reciban a información do mesmo e así mesmo axudarlles a tramitar as alegacións.

Para elo, dende o Concello organizaremos diferentes reunións nas parroquias para facilitarlles os documentos a toda a veciñanza porque para nós é fundamental que este documento conten cun amplo apoio, para obter o maior consenso posible sobre o documento máis importe do desenrolo urbanístico de Trabada. E porque dende o Goberno do Concello de Trabada entendemos que todos debemos aportar e construír no futuro do noso Concello”.