Skip to main content
Trabada

O Concello de Trabada cuantifica en 749.860 euros os danos ocasionados polo incendio de outubro

Por 22 Abril, 2024Sin comentarios

O Concello de Trabada cuantifica en 749.860 euros os danos ocasionados polo incendio do 12 de outubro. Así o expoñen no informe de valoración que acaban de enviarlle ao Ministerio de Política Territorial do Goberno central no que se recollen os danos ocasionados en diferentes infraestruturas municipais e na rede viaria.

Recóllense, deste xeito, os desperfectos tanto en viais asfaltados como en camiños de terra do concello, sumando un total de 26,39 quilómetros a zona afectada. O Consello de Ministros celebrado o 5 de marzo catalogou Trabada como “zona afectada gravemente” por unha emerxencia de Protección Civil debido a un incendio forestal.

“Neste informe valoramos os danos ocasionados por este feito tan catastrófico que se deu no noso concello, para así pedirlle colaboración ao Goberno de España no arranxo das vías municipais e camiños de terra danados”, explica a alcalde de Trabada, Rubén García. Tamén piden axuda “para a adquisición dunha motobomba nova e a construción dunhas balsas de auga, xa que dende a Xunta de Galicia non recibimos nin sequera resposta da carta enviada por min mesmo o pasado 9 de febreiro tralo segundo incendio case consecutivo no noso concello”, remata o alcalde.