Skip to main content
Lugo

Novos retrasos no proxecto da Intermodal de Lugo, coa esixencia de reforma do PXOM

Por 25 Marzo, 2021Sin comentarios

A Xunta de Galicia descartou a vía para acelerar a descatalogación do edificio de Correos para avanzar o proxecto da estación Intermodal de Lugo. Este mércores celebrouse unha reunión de técnicos do Concello, Adif e o Goberno autonómico na que o goberno local lucense agardaba que se aprobase a proposta analizada o pasado outono para aprobar un informe de interpretación de interese público no que “quedase patente o erro da inclusión deste edificio como ben protexido no PXOM”.

Tras aquela reunión, o servizo de Urbanismo presentou ante Patrimonio da Xunta dito informe, onde se reflicte “que o edificio de Correos, que é posterior ao ano 1977, non é merecedor da mesma protección que o edificio da estación do tren, que se mantén no proxecto da Intermodal e que é anterior a 1893 e que ten, polo tanto, máis de 130 anos. Existe unha diferencia dun século entre ambos os dous inmobles”.

O informe técnico aclara ademais, explican desde o Concello, que a única referencia de catalogación da construción de Correos que recolle o PXOM é a gráfica, é dicir, o plano da localización, “todo iso sen correspondencia coa descrición tipolóxica da propia ficha do catálogo ou referencia nalgún outro documento do PXOM ou informes sectoriais do mesmo”. Este erro xa fora recollido incluso nun informe emitido polo equipo redactor do informe.

Responsables de Patrimonio xa non se amosaron en contra da descatalogación de Correos, pero descartaron a vía interpretativa, “que permitiría que fose ao pleno municipal para a súa aprobación o vindeiro mes de abril, o que axilizaría os avances dos proxectos construtivos da Intermodal unha vez que os proxectos básicos están finalizados”.  Desde Patrimonio argumentaron que sería necesario un cambio da ficha do PXOM e, polo tanto, do propio Plan Xeral.

Segundo o goberno local, esta nova solución, “aínda que se podería desenvolver por unha tramitación simplificada, alongará o proceso en 3 ou 4 meses, o que retrasará que se poidan aprobar os proxectos básicos da estación de autobuses e de ferrocarril, xa terminados, así como a posterior exposición pública dos bens e dereitos afectados”.

O Concello de Lugo lamenta este novo retraso porque se vai acumulando aos xa existentes, “e Lugo non merece ser de novo a última cidade de Galicia en modernizar as súas infraestruturas, e a intermodalidade é clave para gañar en tempos no transporte de viaxeiros e, polo tanto, en competitividade, e permitirá modernizar e mellorar tanto as liñas ferroviarias como os trens”. Así mesmo, manifestan que os equipos técnicos municipais se poñerán a traballar de maneira inmediata nesta nova vía para descatalogar o edificio de Correos.